O olfacto evoca pensamentos afastados

Quedan escasos dias para visitar Eau de femme no C.C.Torrente Ballester
11 de Outubro, 2020 - 07:00 h. | Publicada por Radio Fene

Non están todas e todos os que son, pero na peza sonora que acompaña esta nova, falan boa parte dos artistas presenten na exposición Eau de femme que pechará as súas portas o domingo 18 de outubro no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol.

ESCOITA O PODCAST:

Deixemos que as voces de Eau de femme se escoiten:

http://173.255.131.18/audio/091020FEMME.mp3

Transcorreu o verán cos seus olores e chegou o outono cos que lle son propios. O 23 de xuño, recén inaugurado o verán, abría as súas portas no Centro Cultural Torrente Ballester a exposición transdisciplinar colectiva Eau de femme. O próximo 18 de outubro as portas pecharán deixando un arrecendo a muller. Cada artista das 32 participantes na mostra aportou a súa mirada persoal, tanto na forma como no fondo, co seu discurso plástico. Todas e todos eles tentaron mover conciencias e sentidos para que cada obra e o seu conxunto evoquen en nós unha reacción individual e social do que o binomio olor/muller nos provoca.

Escribe o xornalista Daniel Bernardo na revista-catálogo editada expresamente para Eau de Femme: "O olfacto, máis que ningún outro sentido, ten a capacidade de evocar pensamentos afastados… Pódennos facer estremecer, sorprendernos, asustarnos ou mesmo potenciar os nosos instintos máis primarios”.

A través da escultura, a pintura, artesanía, fotografía, instalacións varias, do cinema, o son ou as palabras, os artistas presentes no xardín que é Eau de femme logran sacudir a nosa memoria. Artistas de aquí, de Ferrol, de Bélxica, de Foz, A Coruña, Lugo, Boqueixón, San Sadurniño, Ourense ou Pontevedra, unha amálgama de voces que convidan ao espectador a experimentar. Cando finalmente o xardín Eau de femme se peche o domingo 18 de outubro, a revista-catálogo quedará como testemuña desta singular experiencia comisariada pola artista fenesa Dulce Anca que explica que a idea orixinal da mostra ven de vello, e na inspiración ten moito que ver a profesora Dolores Villaverde, autora de “La imagen en la publicidad y el arte” e experta na historia do perfume na publicidade.

O último parágrafo que pecha a publicación está asinado pola xornalista Elisa Piñón Hermida, quen como espectadora fala así de Eau de femme:

" Só a través dos sentidos, concretamente do olfacto, somos capaces de volver a esas orixes que sempre tiveron nome de muller e que tantas formas tomaron ao longo da historia e desde a perspectiva de cada unha de nós. Para min, Eau de Femme foi ir á cocina da miña avoa. Cada obra supuxo volver entrar pola porta dos meus recordos para vela a ela nas rosas, nas cores, no xabón, na cadeira, nos fotogramas ou nos cadros que colgan das paredes do Centro Torrente Ballester. Aquí a historia das mulleres adquire unha relevancia explícita que tanto tempo foi negada e que tímida e explícitamente se denuncia a través dos cinco sentidos. Quizás, o máis conmovedor desta exposición sexa a capacidade que ten para levarte ao epicentro da terra, á cocina da miña avoa para min, e outros habitáculos (humanos ou materiais) para quen sexa que se decida a visitar Eau de Femme buscando ver, de diferentes formas, a vida”.

Artistas que exponen en Eau de femme:

Andrés Gabarres, Carolina Bouza, Daniel Caxigueiro, Dolores Villaverde, Dulce Anca, Gozalo Pérez del Castillo, Gosia Trebacz, Idoia Cuesta, Isabel Pintado, Iván Prieto, Jesús Otero Iglesias, José Gascón, Luisa Valdés, Lupe Vázquez, Luz Darriba, Manoel Bonabal, María José Leira, María Ribero, María Xosé Díaz, Michelle Williams Gamaker, Mieke Bal, Mónica Fernández, Noemí Lorenzo, Nuria Ruibal, Pablo Orza, Pitusa Arias, Reina D´hoore, Ruth Lodeiro, Soledad Penalta, Víctor G. Novás, Viki Rivadulla, Xurxo Gómez Chao.

(Na imaxe, a obra "La casserole par la poignée" (A tixola polo mango) de Noemí Lorenzo en Eau de femme)

Cultura

Publica o teu comentario agora