O público decidirá a continuidade do festival de danza Catropezas

O público decidirá a continuidade do festival de danza Catropezas

05 de Novembro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

O Teatro Ensalle de Vigo acolle ata o día 27 deste mes de novembro o festival de danza contemporánea Catropezas, unha cita cuxa continuidade depende da resposta do público. Non só porque o evento careza de subvencións, senón porque os seus organizadores precisan dun pulo que vai máis aló do económico. “O festival nunca foi rendible”, recoñece Pedro Fresneda, quen promete que se os espectadores acoden aos espectáculos ha

Pedro Fresneda láiase de que o festival teña máis recoñecemento a nivel estatal ou europeo que na propia cidade olívica. “Non somos profetas na nosa terra”, resume o director do Teatro Ensalle, unha entidade que se está a esforzar en botarlle imaxinación á procura de financiamento. Para o seu último espectáculo conseguiron o apoio de micromecenas e para dar resposta aos gastos mínimos do espazo conformaron unha Asociación de Amigos do Teatro. “Temos que apropiarnos do que é noso”, defende Fresneda, pouco partidario de que as propostas culturais dependan exclusivamente da vontade de institucións cambiantes. “A cidadanía debe darse conta de que é nestas ocasións cando realmente ten poder de decisión”, argumenta.

Emmanuel Eggermont, coa súa peza T-Wall, foi o encargado de inaugurar esta edición do festival Catropezas. Tomará o relevo a vindeira semana Daniel Abreu coa estrea de Todos, un espectáculo no que homenaxea ao “mapa da pel que expresa e transmite todo o que contén”. Sete días máis tarde será a quenda de Provisional Danza, unha compañía que leva apostando polo festival desde os seus comezos. Desta volta, Carmen Werner porá sobre o escenario a sete bailaríns que darán vida a obra Ni ogros ni princesas. Na última fin de semana do mes terá lugar o programa Seis cordas, que rematará o día 27 cunha xornada de improvisación titulada Noites de danza intensa.  

Cultura