O pai da nena falecida por erro médico presenta denuncia

O pai da nena falecida por erro médico presenta denuncia

25 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O pai da nena falecida o pasado domingo no complexo hospitalario Arquitecto Marcide presentou esta mañá unha denuncia nos Xulgados de Ferrol. Entre tanto a xuiza Marta Guillemet decidu autorizar a inhumación da pequena tras enviar mostras da falecida ao Instituto Nacional de Toxicoloxía. A nai foi dada xa de alta pero continua recibindo atención psicolóxica no seu domicilio.

O Xulgado número 2 pediulle ao Marcide que lle remita "o máis axiña posible o historial clínico completo do bebé". Ademais, a xuíza esixe "os nomes de todo o persoal sanitario que a atendeu, desde o seu nacemento até a súa morte". Como recoñeceron responsables das áreas involucradas, ao parto asistiron a xinecóloga, unha pediatra, unha matrona, unha enfermeira e o obstetricista de garda. A xinecóloga ordenou inxectar o vasoconstrictor á nai, pero por erro administrouse ao bebé. "Parécenos estupendo que os Xulgados actúen e pidan nomes, eu nin quero sabelos pero si esixo unha responsabilidade", puntualiza a portavoz familiar. Con respecto ás desculpas públicas do hospital, a familia considera que "todo o equipo fíxose responsable para sobreprotexer aos que realmente teñen a culpa". Os parentes do bebé falecido queren que "carguen coas culpas os que realmente as tiveron, que carguen os da sala de partos".

Sociedade