O papel hixiénico deu paso á cervexa

O papel hixiénico deu paso á cervexa
24 de Marzo, 2020 - 12:50 h. | Publicada por Radio Fene

Cando se decretou a alerta sanitaria a xente lanzouse aos supermercados como se fora meterse nun búnker. Neste momento aínda se detectan persoas que acoden a comprar ata catro veces ao dia e hai que respectar as normas polo ben de todos.

ESCOITA O PODCAST:

“Os primeiros días a xente compraba sen control, como se foran a encerrarse nun búnker” salienta Lucía Vázquez, encargada do supermercado Familia de Mugardos, á nosa pregunta sobre o comportamento dos cidadáns cando se declarou a situación de alerta sanitaria. “Repoñíamos, e axiña quedábamos sen nada” engade esta traballadora que como o resto das súas compañeiras e compañeiros do supermercado están expostos ao contaxio. Pensaron que co paso do tempo a situación normalizaríase pero aínda seguimos comprando sen control, para encher as despensas. Confírmanos que o do papel hixiénico non é unha lenda urbana, é unha realidade, aínda que neste momento a cervexa ándalle á zaga. Comenta  facendo unha brincadeira: “que imos facer tantos días encerrados en casa?. Declara Lucía Vázquez que a maioría da xente é comprensiva coas medidas especiais adoptadas no seu establecemento, "mesmo algunha persoa nos compadece, pero hai xente que acude a comprar ata catro veces ao día ou se para nos corredores a falar". “Sempre hai que estar dándolle toques a esa xente que se toma a risa a situación” engade.

Por iso as medidas de seguridade fóronse ampliando. Agora as colas están fora do establecemento e o aforo no interior reduciuse a  vinte clientes. Cada día  tamén se van reforzando as medidas de protección. Empezaron coas luvas e as máscaras e agora xa teñen xel desinfectante na entrada. Unha empresa extrema as medidas de limpeza, desinfectando durante oito horas ao día, " limpo sobre limpo". Contan xa con paneis de separación nas caixas de cobro. Os 22 empregados e empregadas de Familia de Mugardos, como seguramente os de outras superficies, viven en tensión, con moito estres, velando porque a xente cumpra coas normas. Por megafonía repítese continuamente que procuren acudir á compra so unha vez ao día ou mellor unha vez por semana.

Mugardos é unha vila pequena onde se coñecen todos. A Garda Civil chegou a pedirlle á encargada as imaxes das cámaras de seguridade para comprobar os abusos. Lucía Vázquez quixo agradecer a colaboración da Benemérita de Mugardos que desde o minuto un velaron porque todo funcione con orde. “Veñen todos os días por aquí, son un gran apoio e estamos moi agradecidos” sentencia a encargada do supermercado de Mugardos, un establecemento que abre as súas portas de 9h a 15h, pecha media hora e volve abrir de 15.30h a 20h. Despedimos a Lucía Vázquez facéndonos eco do seu rogo: “Nós estamos expostos a enfermar, por iso nos gustaría que a xente se conciencie de que hai que respectar unas normas, polo ben de todos”.

Sociedade

Publica o teu comentario agora