O Partido Popular denuncia o retraso na construción das piscinas de Begonte

O Partido Popular denuncia o retraso na construción das piscinas de Begonte

20 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O PP, a través dos voceiros populares na Deputación, José María González Barcia, e no Concello de Begonte, José Ulla, denunciaron publicamente hoxe nunha rolda de prensa conxunta a paralización do proxecto de construción de dúas piscinas e unha área recreativa proxectadas no 2007 nesta vila chairega.

González Barcia acusou de “desidia e vagancia” ao alcalde de Begonte, o independiente José Antonio Vázquez García, e ao presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e pediu “explicacións”, do porqué do parón do proxecto. “Desde o PP pedimos que se nos explique a nós e aos veciños de Begonte o porqué, logo de consultar o expediente, a Deputación non moveu nin un só papel desde maio de 2007. Tanto é así, que nos orzamentos do presente exercicio figura unha partida de 120.000’00€, a primeira anualidade do convenio, pero non se iniciou ningún outro trámite”, argumentou Barcia.

 

O propio voceiro popular indicou que o convenio de construción das piscinas e da área recreativa foi asinado o 11 de maio de 2007 polo anterior alcalde de Begonte e o anterior presidente da Deputación. Segundo o PP ese acordo, que contemplaba un investimento de 321.434’63€ repartido en dúas anualidades (120.000 euros no 2007 e 201.434’63 no 2008), a estas alturas as obras deberían estar rematadas.

O representante popular lembrou tamén que en maio de 2007 o antigo edil de Begonte, José Pena Rábade, puxo a disposición da administración provincial os terreos precisos para a execución do proxecto.

O membro do PPdeG municipal, José Ulla, estableceu que o anuncio de cambio de ubicación “non se sustenta documentalmente, porque nada hai en canto á adquisición de terreos”. Ulla queixouse de que o sitio dispoñible para construción das piscinas “agora valga para a construción dunha pista polideportiva”, polo que, en palabras do voceiro begontino, “xa non é unha escusa que o terreo quedaba preto do cemiterio ou do colexio público, porque agora o empregarán para este novo proxecto”.

Tanto Ulla Rocha coma González Barcia consideran que os prexudicados polo retraso na dotación destes servizos son “os veciños de Begonte, que están privados do uso e desfrute dunhas instalacións que deberían, cando menos, estarse rematando”.

Os dous portavoces acusaron tamén a Concello e Deputación dun “uso partidista que pretende demorar a execución do proxecto ata as vindeiras eleccións municipais do 2011”.

Sociedade