O peche da cafetería do centro da terceira idade de Fene alporiza aos usuarios

O peche da cafetería do centro da terceira idade de Fene alporiza aos usuarios

06 de Agosto, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A cafetería do Centro social da Terceira Idade de Fene permanece pechada dende o pasado 31 de xullo. Un atranco que está a causar moitos problemas aos seus usuarios e que impide a celebracións de bailes e ceas. Xa demandaron axuda a organismos oficiais pero polo momento non atopan saída aos problemas que acucian ao centro fenés.

Coa cafetería pechada son os propios usuarios os que traen as bebidas e manxares para pasar o seu tempo no centro da rúa do Castro. Pero aquí non rematan as malas novas para os maiores que visitan con frecuencia as instalacións. Pechou a perruquería, non hai teléfono público. Unha situación que segundo unha das usuarias e compoñente da coral, Pilar Rodríguez, é sanguenta.

O delegado provincial da Xunta, Diego Calvo, amosouse disposto a buscar unha solución á problemática. O alcalde de Fene e os demais grupos municipais amosaron tamén o seu apoio para atopar unha saída satisfactoria.

Pilar Rodríguez quere que o pobo de Fene coñeza a situación actual do centro. No caso que en setembro, non se axilizen os trámites para arranxar as deficiencias actuais, o 90% dos usuarios marcharán a Compostela para facerse escoitar polos organismos oficiais.

Sociedade