O peixe grande e o chico

O peixe grande e o chico

24 de Maio, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Sabía ao que ía. Tras un par de meses de silencio, os transcorridos dende que comezou o ruxerruxe arredor da mala situación financeira de Pescanova, o gran xigante da industria pesqueira galega, que ten 11.000 empregados en todo o mundo, o presidente da compañía, Manuel Fernández de Sousa, decidiu falar. Fíxoo en Madrid, nos medios estatais de maior difusión. E é que tiña claro que tiña que mandar unha mensaxe, a súa:

O que fixo De Sousa, segundo propia confesión, foi sacrificarse el, o sue patrimonio e mesmo a súa familia polo ben do negocio. E así o seu discurso ficou fixado curiosamente poucas horas antes de que a Audiencia Nacional o imputase por falsear as contas da empresa e usar esa información relevante. Se Fernández de Sousa xa o cheiraba e por iso preferiu falar antes de volver calar longo tempo é algo que todos sospeitamos xa. As súas próximas palabras quen as vai escoitar vai ser o xuíz, agás sorpresa.

Imputación do xuiz

O xuíz da Audiencia Nacional Pablo Ruz imputou ao presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa-Faro, a outros tres directivos da entidade e ao grupo alimentario como persoa xurídica por falsear as súas contas anuais e utilizar información relevante. Así consta nun auto ditado o pasado mércores no que o xuíz Ruz cita aos imputados a declarar para os próximos días 1 e 2 de xullo, se declara competente para instruír esta causa e admite parcialmente trámite tres das catro querelas presentadas contra os responsables da empresa. Ademais de Fernández de Sousa-Faro, o maxistrado imputou ao conselleiro Alfonso Paz-Andrade polos delitos de falseamento de información económico-financeira, falseamento das contas anuais e uso de información relevante. Este último delito tamén o atribúe aos accionistas José Alberto Barreras e José Antonio Pérez-Nievas. O titular do Xulgado Central de Instrución número 5, que acorda estas dilixencias a petición da Fiscalía anticorrupción, tamén rexeita na súa resolución a intervención xudicial da empresa, ao considerar que está sendo sometida a un proceso de administración concursal.

Ademais, a consultora Deloitte, en calidade de administrador concursal de Pescanova, substituíu a Fernández de Sousa como o seu representante nas filiais españolas nas que a multinacional pesqueira é administradora única, revogándolle os seus poderes.  

Todas estas novas coincidían coa primeira comparecencia pública do presidente da firma galega dende que se revelou a súa mala situación. Nunha entrevista na Cadena Ser, Manuel Fernández de Sousa, asegurou que loitará para que non se liquiden os activos de Pescanova e non se fraccione a compañía, ao tempo que asegurou que o seu valor excede "con moito" ao seu pasivo, que superaría, segundo fontes financeiras, os 3.000 millóns de euros, algo que el nega. Ademais, e verbo do suposto uso de información privilexiada que fixo para desfacerse dos títulos que posuía antes da suspensión de pagamentos, asegurou que vendeu todo o que non lle quedou máis remedio que vender.

Sociedade