O Pote abre a terraza en xuño

O Pote abre a terraza en xuño
29 de Maio, 2020 - 10:58 h. | Publicada por Radio Fene

A sociedade o Pote abrirá a terraza da cafetería o venres 12 de xuño. A celebración da sardiñada de San Xoan e da romaría do Pote perigan se as condicións non cambian.

ESCOITA O PODCAST:

A cafetería da sociedade O Pote abrirá con toda probabilidade o venres 12 de xuño. Os novos concesionarios deste servizo están preparando todo para abrir unha gran explanada no parque de árbores autóctonas que rodea as instalación da sociedade cultural de Maniños. O estado de alarma frustrou no mes de marzo a apertura das instalación cando acababa de concederse a súa  explotación. Polo que respecta ás escolas culturais, probablemente non volvan funcionar ata despois do verán, no mes de setembro. Aínda que non desbota o presidente do Pote, Javier Rodríguez, que algunha delas decidan aproveitar o mes de xuño e volvan á actividade.

A sardiñada de San Xoán tamén está no aire, informa Javier Rodríguez. O Pote é unha das sociedade de Fene que celebra a mesma noite de San Xoán cunha sardiñada que este ano corre perigo. “A nosa idea é facela pero se hai que restrinxir a entrada, non se faría” advirte o presidente. "Todo dependerá de como evolucione a situación de aquí ao 23 de xuño". O mesmo ocorre coa Romaría do Pote, o último domingo de agosto, “ non cambiaríamos a data e se as condicións son moi restritivas, tampouco a faríamos” afirma Javier quen nos anuncia que tampouco se formou comisión de festas este ano na parroquia.

A gran alegría da sociedade O Pote nestes tempos adversos foi o ascenso do Maniños a Primeira Galicia de fútbol. Declara o presidente do Pote que o Maniños “axuda a manter viva a parroquia” e adiantounos que o equipo que levaba o nome da entidade O Pote, volverá a ser filial do Maniños. "Volverá a ser Maniños B para que os dous equipos poidan colaborar entre si e intercambiar xogadores".

 

 

(Na imaxe, parte da directiva de O Pote en 2019)

Cultura

Publica o teu comentario agora