O PP carga contra o Bipartito en Cospeito

O PP carga contra o Bipartito en Cospeito

19 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

As críticas ao goberno bipartito centraron o mitin do PP onte en Cospeito. Armando Castosa, Agustín Baamonde, Xosé Manuel Barreiro e Ana Mato centraron as súas intervencións na xestión da última lexislatura e acusaron ao goberno da Xunta de “dilapidar os cartos en coches, cadeiras e despachos”.

O actual senador pola provincia de Lugo e alcalde de Cospeito, Armando Castosa, abriu a quenda de intervencións aconsellando ao PSOE “que quite a máscara para que non engane máis á xente”. Castosa tamén dubidou da capacidade de traballo do actual presidente da Xunta de Galicia. “Touriño nunca demostrou traballar por Galicia, nin cando estivo con Felipe González en Madrid, nin agora”, estableceu. O dirixente local fixo unha comparación entre os 16 anos de goberno popular, na que se “creou emprego”, e o dos últimos catro anos, “nos que o único que se fixo foi máis clientelismo, máis despilfarro e a desunión do pobo galego”.

Pola súa banda, o número 4 por Lugo, Agustín Baamonde, foi extremadamente belixerante co bipartito ao que cualificou de “pila de mangantes e cacharreiros” aos que a súa formación podería gañar “por minusvalía”. Baamonde describiu á Galicia de hoxe como “a Galicia queimada, a Galicia dos 200.000 parados, a Galicia das explotacións pechadas, a Galicia paralizada”, mentres que acusou ao goberno da Xunta de “non facer nada” e de que só “coñecen o despilfarro dos despachos e coches de luxo ou dos convites con ‘mojitos’ en Cuba”. Por último, Baamonde referiuse aos candidatos socialista e nacionalista á presidencia da Xunta, Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana, aos que cualificou como “un ‘mingafría’ que nunca quere saber nada dos problemas” no primeiro caso e como un “‘espartaquiño de palleiro’ que o único que quere é que os cans falen galego e enchufar aos seus na Xunta”, no segundo.

O presidente do PPdeG de Lugo, Xosé Manuel Barreiro, centrou a súa alocución na “inmoralidade que supón ter a un presidente que vive como un marajá, que gasta os cartos de todos os galegos en vivir ben mentres cada día que pasa hai 50 persoas que perden o seu traballo en Lugo”. O líder popular defendeuse das acusacións ao seu partido polo escándalo das comisións ilegais en Madrid e Valencia atacando ao PSOE, xa que, en palabras de Barreiro, “foron eles os únicos que estiveron no cárcere por roubar”. Ademais, tamén cargou contra o “socio de goberno do PSOE”, o BNG, cando dixo que “son os culpables da parálise de Galicia, con casos como o proceso eólico, que todo o mundo sabe e lle di que é ilegal”, ademais de amosar o seu descontento por “non facer nada para impedir que o sector lácteo estea como está”.

Por último, a secretaria nacional de organización, Ana Mato, animou aos galegos a “volver á mellora do país”, que foi cando se xuntaron “os gobernos de Aznar e Fraga”. Para Mato, o único do que se fala en Galicia é “de cartos gastados en coches e cadeiras e non de autovías, de teléfono ou de enerxía”. Acusou tamén ao PSdeG de deixar de ser “un partido nacional” para tentar “ser mais nacionalista que ninguén, como fixo o PSOE en Catalunya, Baleares e como farán en Euskadi”. Para a representante popular o único camiño para evitar esta “deriva nacionalista” é apoiar ao seu partido. Outras das razóns polas que todos os galegos teñen para apoiar ao PP nas próximas eleccións autonómicas son “a maior austeridade, as reformas laborais e educativas, a defensa das Pemes e a baixada de impostos”, porque, segundo Mato, “estas son as receitas que funcionan”.

Sociedade