O PP intenta fichar a edís do PSOE a cambio de obras na Deputación

O PP intenta fichar a edís do PSOE a cambio de obras na Deputación

09 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

A rehabilitación da praia fluvial de Vilán no río Oitavén foi unha das obras ofrecidas ao concelleiro do PSOE en Fornelos de Montes, Alfonso Ventín se aceptaba figurar na candidatura do Partido Popular ás eleccións municipais do vindeiro mes de maio. A proposta lembra o acontecido nun municipio interior da Coruña. Alí a Xunta de Fraga integrou a un grupo independente a cambio dun polígono industrial que hoxe serve para o frolecimento d

Na axustada pelexa polo control da Deputación de Pontevedra, até o último voto é valioso. Sábeo ben o presidente do ente, Rafael Louzán, que ten moi presente na memoria como en 2007 pasou nunhas horas de verse desaloxado do cargo a retelo por un puñado de papeletas. Incansable arquitecto de mocións de censura con tránsfugas na pasada lexislatura, o presidente do PP quere reducir a incerteza ao mínimo ante os comicios de maio, e para iso fixouse nun pequeno municipio rural do interior pontevedrés, Fornelos de Montes, segundo asegura hoxe o xornal El Pais

Con apenas 2.000 habitantes censados e baixando, Fornelos non presenta excesivas oportunidades empresariais, e adoita saír nos medios de comunicación máis polos incendios de verán -uno dos cales se cobrou o ano pasado a vida de dous brigadistas- que polas axudas públicas que recibe, un feito no que probablemente ten moito que ver unha das peculiaridades que o diferencian doutros municipios veciños: o seu alcalde, Serafín Martínez, leva cultivando maiorías absolutas esmagadoras para o PSOE desde 1991, formación á que chegou desde o Centro Democrático Social (CDS), co que tamén era rexedor. En Fornelos vótase a don Serafín máis que ao PSOE. Pero Martínez leva tempo anunciando que non quere volver presentarse, así que Louzán probou sorte. "O PP decatouse [de que o alcalde se vai] e andaron detrás dun e doutro. Queríannos levar a todos na lista", revela Alfonso Ventín, terceiro concelleiro socialista na corporación. As súas palabras veñen confirmar o que era un runrún habitual nas conversacións das parroquias de Fornelos, e corroboran fontes de instancias superiores do PSOE: "Louzán tentou a varios socialistas para ir nas filas do PP a base de varias ofertas".

Serafín Martínez negou onte que a él lle chegaran ofertas do PP. "Ninguén me dixo nada", repetiu, molesto por que o asunto puidese dar lugar a dúbidas sobre o seu compromiso cos socialistas. "Eu sigo pagando a miña cota ao partido", apuntou, e sinalou que é o seu traballo como médico e non a política a que lle dá para comer. O seu segundo na corporación, Emiliano Lage, expresábase no mesmo sentido. "A min ninguén me ofreceu nada".

A oferta de Louzán pasaba principalmente por rescatar a Fornelos do ostracismo investidor da Deputación, coñecida entre os veciños por racanear até o asfalto dos camiños; non é inhabitual que ao entrar no termo municipal por algunha das moi ben pavimentadas vías dos municipios limítrofes de Ponte Caldelas ou Pazos de Borbén empecen as fochancas a castigar as suspensións dos coches. "Diñeiro para obras, sen problema ningún", conta Ventín que lles ofrecían. Entre as actuacións, a rehabilitación da praia fluvial de Vilán, no curso do río Oitavén, bastante deteriorada desde a construción dunha ponte sobre a estrada próxima. "É o momento de cambiar", era a frase de presentación de Louzán e os seus intermediarios, que probablemente buscaban emular o éxito de José Manuel Baltar en Ourense, onde o líder provincial conseguiu cautivar ao número dous do PSOE.

Ventín asegura que el se negou desde o inicio. "Non vou cambiar, se vou será cos meus", conta, e sinala que nin sequera estaba convencido de volver presentarse, unha vez que o alcalde dixera que non repetiría. Aínda que ambos os partidos aínda tiñan pendentes onte anunciar as súas listas, o intento dos populares non parecía próximo a materializarse. O candidato do PP nos últimos comicios, José Manuel Amoedo, sinalou que o grupo de Fornelos tiña prevista unha reunión para designar o seu novo cabeza de lista, que, segundo outras fontes, podía ser un médico con casa no municipio. Nos socialistas a opción máis probable sinalaba a Lage como o líder da candidatura. Louzán declinou onte responder sobre o asunto.

O envite do líder do PP chama a atención pola escasa relevancia de Fornelos en canto aos votos que suma para o partido xudicial de Pontevedra, do que forma parte. En 2007 foron pouco máis de 1.300 fronte aos 133.000 do total, o que dá idea do xustas que se presentan a priori as eleccións na provincia. O partido xudicial de Pontevedra achega sete dos 27 deputados da corporación provincial, á que o de Vigo fornece o groso dos seus integrantes, 11. As maiores esperanzas para os populares parecían estar, de feito, no partido de Tui, onde Louzán esforzouse en integrar escisións previas do PP para evitar a fuga de votantes conservadores.

As manobras vaticinábaas a finais do pasado ano o secretario xeral do PSOE de Pontevedra e candidato en Vilagarcía, Modesto Pose, que aseguraba en novembro: "Louzán repasará as listas do PSOE e verá a aquel que está en paro e pode ser sensible, ou ten un fillo, un pai ou irmá que poida ser sensible a algunha debilidade humana".

O pacto que "non existe"

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, referiuse onte novamente á designación da alcaldesa tránsfuga de Mos, Nidia Arévalo, como cabeza de lista do PP para as municipais. Aferrouse ao salvoconducto que o partido vén utilizando nos últimos meses: o PSOE presentou a un tránsfuga en Benidorm, así que non hai acordo contra os tránsfugas que valla. "O PSOE rompeu o pacto antitransfuguismo o pasado mes de decembro. O pacto antitransfuguismo non existe", manifestou.

Institucional