O PP négase a abrir unha comisión de investigación sobre a autovía da Costa da Morte

O PP négase a abrir unha comisión de investigación sobre a autovía da Costa da Morte

14 de Outubro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

Todas as respostas que cómpre coñecer arredor da adxudicación das obras da autovía da Costa da Morte entre Carballo e Berdoias son as que ofreceu o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, o pasado luns no Parlamento. Enténdeo así o PPdeG, que desbota que sexan precisas máis explicacións, polo que vén de  negar a apertura dunha comisión de investigación na Cámara.

Por que se pretendía adxudicar cun sobrecusto de 400 millóns de euros o tramo de autovía? A pregunta formulada unha e outra vez polos grupos da oposición perdeuse nos corredores do Pazo do Hórreo e non terá resposta. A maioría absoluta do PP no hemiciclo abondou para silenciar as reclamacións arredor dun proxecto que vai ser retomado por terceira vez no mes de decembro logo de que o actual goberno da Xunta desbotase a adxudicación orixinal do bipartito e, máis recentemente, tirase abaixo os seus propios plans. O deputado conservador Alejandro Gómez Alonso rexeitou que haxa que dar explicacións por unhas acusacións “baseadas en mentiras” e pasou ao contraataque. Sostendo unha foto do ex presidente autonómico Emilio Pérez Touriño colocando a primeira pedra da obra, resolveu que o Goberno de socialistas e nacionalistas publicitou unha obra que “sabían que non se ía facer”. Gómez Alonso sostén que todo o balbordo por esta obra se debe ao “revanchismo político” contra o conselleiro Agustín Hernández.

O PPdeG votou contra a comisión de investigación polo proceso de contratación da autovía da Costa da Morte, polo que á oposición só lle restou o dereito á pateadura. A deputada do BNG Teresa Táboas recriminoulle ao conselleiro responsable dos traballos, Agustín Hernández, que sorrise durante a súa intervención e espetoulle que “400 millóns para vostede poden ser motivo de risa, pero para nós son motivo para que non siga aí sentado”. Táboas reduciu o debate a unha pregunta que concentraba a cuestión: “por que se licita todo outra vez”.

O deputado socialista Pablo López Vidal cualificou o acontecido como “unha trama arredor do grupo MATI”, acrónimo da Consellaría de Hernández, e estendeu as responsabilidades polos posibles actos fraudulentos ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao que se referiu como “a man que abala o berce”. Para o representante do PSdeG, o Goberno dá marcha atrás nos seus plans porque foi “pillados nun pelotazo”.

Sociedade