O PP pregunta polos orzamentos do 2021

Afirman que Fene leva case un ano funcionando coas contas do PP
04 de Decembro, 2020 - 11:49 h. | Publicada por Radio Fene

Os Orzamentos municipais e o POS do 2021 sos dous dos reproches do grupo municipal popular ao goberno de Fene. Así o deixou patente Gumersindo Galego no espazo As Foxas de Radio Fene.

ESCOITA O PODCAST:

“No mes de febreiro fará un ano que se aprobaron os orzamentos do PP que seguen vixentes no concello de Fene” Con estas manifestacións quere Gumersindo Galego destacar que Fene aínda non ten elaborado un novo orzamento para 2021, como tampouco ten preparadas as obras a incluír no POS 2021 da Deputación, para o que agardan ser preguntados polo grupo de goberno. "Cando se acaben as obras que deixou preparadas o PP, que van facer?" se preguntaba Galego esta mañá no espazo As Foxas.

Outra fronte aberta polos populares de Fene é a reclamación ao concello de axudas aos autónomos e en particular aos hostaleiros. Gumersindo Galego defende que hai un remanente de dous millóns de euros cos que o concello podería axudar a este sector dalgún xeito.

Criticou Galego esta mañá que o concello non teña decidido que vai facer nas festas de Nadal, se ben entende que non haxa cabalgata multitudinaria, si debe haber algunha programación. E propón que se faga algo nos colexios, por exemplo. Engade Galego que non se entende que estea colocada “unha carpa que custa 60.000 euros” na praza Alcalde Ramón Souto para nada.

Para a área de obras e servizos, son moitos os reproches que fai o grupo municipal do PP. Entre eles que nunca tantas empresas privadas contratou o concello de Fene, nunca tan sucias estiveron as cunetas ou que os traballadores encargados da poda de árbores en Marqués de Figueroa traballan sen seguridade. Tampouco entende o PP que se abra a oficina de turismo no mes de decembro “cando estamos confinados e non pasa un triste peregrino polo camiño inglés”.

Institucional

Publica o teu comentario agora