O PP rexeita a reforma e ampliación do CEIP Torre- Illa de Arousa

O PP rexeita a reforma e ampliación do CEIP Torre- Illa de Arousa

08 de Abril, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

O deputado do Grupo Socialista, Guillermo Meijón interveu hoxe na Comisión 4ª do Parlamento para reclamar, mediante unha Proposición, acometer coa máxima urxencia posible as obras de reforma e ampliación do CEIP Torre- Illa que dean cumprida resposta ás necesidades actuais e ás previsións de futuro de dito centro. A iniciativa foi rexeitada polo PP.

O portavoz socialista explicou na súa intervención que dende o ano 2009, a comunidade educativa do CEIP Torre - Illa, espera que a Consellería de Educación dea unha resposta aos graves problemas de espazo que presenta este centro educativo. Dixo que dende o ano 2009, se utiliza como aula a dependencia que ocupaba a ludoteca municipal, e, dende este curso, tamén o almacén de escobas do centro tivo que ser habilitado con fondos municipais para poder impartir docencia. Unha situación a todas luces intolerable e que debe ser resolta con inmediatez.  

Meijón advertiu que a realidade do centro está a provocar que o alumnado non se atope debidamente escolarizado e, como grave efecto colateral, que a ludoteca municipal leve dende o ano 2009 sen poderse utilizar. Unha ludoteca que representou unha gran inversión por parte dun concello que, sen dúbida, está a amosar o seu firme compromiso coa educación, pero que está a ver como a actual administración educativa unicamente responde co silencio  

O deputado asevera que o CEIP Torre - Illa necesita de forma imperiosa que sexan acometidas no centro as necesarias obras de ampliación e reforma que permitan adecuar o seu estado ao que hoxe en día se espera dun centro educativo e que aseguren unha dimensión adecuada que atenda ás carencias actuais, pero que tamén responda ás previsións de futuro. 

Tamén aludiu aos distintos comunicados reclamando este centro dirixidos á Consellería de Educación e á Xefatura Territorial, pero “que nunca contaron con resposta”. E sinala que “mesmo está presentada unha petición de entrevista dende o ano 2009 nunca contestada polo actual Conselleiro de Educación, que semella ter claro a quen ten que recibir e a quen non”. 

No turno de replica Meijon afirmou que hoxe o PP chamou mentiroso a Manuel Cores Touris, delegado de Educación de Pontevedra xa que asegurou nunha entrevista que o CEIP Torre da Illa “ten un problema de masificación e necesita ser ampliado de xeito urxente,  e engadiu “eso é o mesmo que figura nesta proposición”. Ademais referiuse ás posibles presións ao Xefe Territorial de Educación, Pérez Ares, polo que se deduce que “Cores Touris manda pouco”, espetou. 

Respecto á deputada do PP, o socialista dixo que “só falou para dicir que non se van facer as obras, que Cores Touris é un mentiroso, e que Pérez Ares non vai mover un dedo para facer as novas instalacións”.  

"Espero que o PP desminta á deputada do seu partido, aínda que non teño moitas esperanzas”. E replicou “anunciar as obras en Semana Santa so ten un fin electoralista para tapar a negativa final para acometer as obras de ampliación”, concluiu.

Institucional