O PP volveu gañar na Terra Chá nunhas eleccións nas que só o PSOE conseguiu crecer

O PP volveu gañar na Terra Chá nunhas eleccións nas que só o PSOE conseguiu crecer

02 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Partido Popular conseguiu onte unha vitoria incontestable ao gañar as eleccións por unha maioría absoluta personificada nos 39 deputados que lle outorgaron os votos dos electores galegos. Esta foi a realidade que deixou o 1 de marzo. O fixo cunha participación record. O 70, 46% significa a maior concorrencia a uns comicios autonómicos galegos da democracia. Este escenario que deixou o proceso electoral tivo un reflexo nos resultados da Terra C

O partido liderado por Alberto Núñez Feijóo obtivo taxas por riba do 45 % en todos os concellos chairegos agás en Guitiriz (44,15%) e A Pastoriza (42,06%), para un resultado global de 15.493 votos (o 55,03%) sobre os 28.547 electores que significaron o total do censo escrutado. Estas cifras permitiron revalidar, unha vez mais, o papel de feudo que esta comarca ten para o PPdeG, a pesar de ter unha baixada dun 2,72% con respecto aos resultados do 2005.

De entre os concellos, a primeira conclusión é o reforzo que significa a xestión local. Aquelas vilas onde goberna o PP foron os espazos onde obtiveron mellores números. Estes foron os casos de Abadín e Cospeito, co 62,77% e o 61, 01% respectivamente; de Vilalba (59,81), Begonte (59,19), Muras (58,86), Outeiro de Rei (58,81) e Xermade (56,43). De entre estes tan só subiron en votos en Cospeito, Outeiro de Rei e Vilalba. Aqueles concellos gobernados por outras forzas políticas tiveron menos apoio para os populares, aínda que sempre lideraron a táboa de apoios. Os casos de A Pastoriza (42,056%), con Primitivo Iglesias (PSOE), Guitiriz (44,15%), onde Goberna o PSdeG da man de Regina Polín, Castro de Rei (48,74%), co socialista Juan José Diaz Valiño, e Rábade (51,04%), onde manda o independente Francisco Fernández Montes; estableceron unha correlación entre poder local e resultado electoral. Este caso apoiase tamén na baixada do PP se miramos os seus resultados de catro anos atrás. Os populares se deixaron sete puntos en Pastoriza e Castro de Rei e dous en Guitiriz.

Se ollamos ao PSdeG, o seu paso polo poder non lle permitiu alcanzar unha posición de dominio na Terra Chá e, quizais, tampouco a subida esperada. Sen embargo, non so mantiveron votos en termos globais, senón que lograron un exiguo incremento que fixo que o golpe sexa un pouquiño menos duro. Os socialistas obtiveron o 26,92% fronte ao 25,87 do 2005. Se o comparamos cos datos xerais de Galicia, esta comarca apoia un 3% menos ao PSdeG (26,92 por 29,92)

En canto aos concellos, O partido liderado por Emilio Pérez Touriño supera o 30% onde goberna, como son os de Guitiriz (33,42%), Castro de Rei (31,33%) e A Pastoriza (30,81%), ademais de Muras, onde obtén un 31,67%, que pode explicarse polo baixo escrutinio a favor do BNG (só un 6,88%) no transvase de votos no centro-esquerda. Os socialistas nunca se situaron por debaixo do 20%, sendo os seus peores resultados en Outeiro de Rei (22,08%), Abadín (22,88%) e na capital, Vilalba, co 23,24%.

Pola contra, en relación aos resultados obtidos nos comicios do 2005, melloran en Abadín (un 1,51%), Begonte (un 6,77%), Xermade (un 6,75%), Muras (un 5,32%) e Vilalba (un 0,56%).

O BNG se mantivo como terceira forza política pero baixou a súa presenza na comarca. O 14,12 % dos votos de 2005 deixou paso a un 13,54% de onte. Os seus números na Terra Chá son un 1,59% mais baixo que os da provincia de Lugo e un 3,03% que en Galicia. O tope nacionalista se situou no 24,03% de A Pastoriza, animado polo goberno bipartito do concello chairego compartido co PSdeG. Neste municipio foi onde obtivo o maior crecemento con respecto ás anteriores eleccións, cun 4% mais. O BNG só mellora en Rábade, pasa do 13,47 ao 15,12 do 2009; e en Muras, aínda que tan só nun discreto 0,51%. Tan só neste concello baixou do 10% (Obtivo un 6,88%). No resto dos once concellos da bisbarra moveuse entre o 15% de representación en votos (Outeiro de Rei, 15,96; Rábade, 15,12) e o 11, 06 de Cospeito. No medio están Begonte, 12,39, Castro de Rei, 13,78, Guitiriz, 13,61, Xermade, 12,19 e Vilalba, 12,98%.

No tocante ao resto de forzas políticas que se presentaron todas se moveron en cifras marxinais. O cuarto partido en porcentaxes foi Terra Galega, cun 1,34%. O resto, UPyD, EU-IU, Galicia Unida, PUM, FPG, FE-Jons, Nós-Up, +G e PH, situáronse por debaixo do 0,5 %.

En canto á participación, se situou no 71,56%, un 1,10% por riba da media galega, pero un 1,51% menos que en Lugo. A mobilización do electorado foi tamén maior que no 2005, xa que supuxo un punto e sete centésimas máis do censo que acudiu a votar que fai catro anos.

Sociedade