O prazo para acollerse ao programa Leader na Terra Chá comezará este luns

O prazo para acollerse ao programa Leader na Terra Chá comezará este luns

28 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O período de admisión de solicitudes para acollerse ao Programa Leader Galicia 2007-2013 estará aberto a partir do vindeiro luns día 1 de xuño, tal e como adiantou Anxo Fernández, xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) da Terra Chá, que é a institución que xestiona a contía e os proxectos ligados ao Leader. Este plan terá unha axuda para a comarca de 5.370.000 euros para o período comprendido e

O principal obxectivo que se pretende conseguir é a dinamización económica e cultural da bisbarra, con especial atención á principal actividade da zona: o sector agrogandeiro. Fernández tamén fixo un guiño ao Medio Ambiente ao establecer que “buscamos que a Terra Chá medre con sostibilidade, un factor de desenrolo pintado de verde”.

 

O calendario previsto para o impulso deste plan comezará o vindeiro luns, 1 de xuño. O período para o fin da admisión dos proxectos será o 1 de setembro de 2013, a data final de xustificación de investimentos será o 31 de agosto de 2015, mentres que o final do programa Leader está previsto para o 30 de novembro do mesmo 2015. Este período extenderase para o GDR ata o 2020, xa que a este calendario hai que sumarlle cinco anos mais para responder ás posibles incidencias que poidan xurdir, ademais da admisión de responsabilidades.

O investimento público total será de 5.370.000 euros coa posibilidade de poder aumentalo a 6 millóns e medio, gracias a un Fondo de Eficacia, dotado de 1.100.000 euros mais, que se aportará en caso de que se acaden os obxectivos fixados polo GDR.

A partir do comezo da fase de admisións procederase a estudar os proxectos presentados para definir aqueles que poidan contar cunha axuda procedente deste programa Leader. Anxo Fernández admitiu que, actualmente, xa teñen uns dez proxectos sobre a mesa, que contemplarían desde a reparación de aeroxeradores para a industria eólica, ata a construción dun centro de formación de xoves emprendedores no Polígono de Sete Pontes, pasando pola creación dunha empresa de recuperación de elementos etnográficos ou dunha planta queixeira experimental.

O turismo será outra das metas perseguidas polo GDR, como é o caso da creación dunha aula virtual á Lagoa de Cospeito que se instalará nos baixos do antigo Cuartel da Garda Civil da vila chairega. “Hai que aproveitar este quinquenio para fomentar o turismo na comarca, pero sempre tendo especial coidado co Medio Ambiente, por iso escolleremos as tecnoloxías virtuais”, estableceu o xerente do GDR da Terra Chá. De igual forma, se expresou o seu vocal, o alcalde de Cospeito, Armando Castosa, cando dixo que “temos que fomentar o turismo, tentando de facelo coincidir co respecto ao Medio Ambiente, pero tamén coa actividade económica da zona”.

Desde a organización chairega levarase a cabo unha campaña de promoción, que conta cun orzamento de 12.000 euros, para atraer así institucións que se sumen ao proxecto. Unha primeira acción será a substitución de 60.000 bolsas de plástico nas panaderías por outras de papel que leven o lema desta iniciativa: “Abrindo portas”. Ademais, tamén se distribuirán 600.000 servilletas polos establecementos da zona e 650 gardapanos de madeira, folletos de man e acudirán aos diversos eventos feirais para dar a coñecer este plan.

Recoñecemento de propiedades veciñais

O presidente do GDR da Terra Chá, David López, tamén anunciou a creación dun Plan de Consolidación e Recoñecemento da Propiedade Veciñal e Comunal previo deslinde, que permita clarificar as posibles dúbidas existentes nesta materia. Así, o propio López fixo un chamamento para todas as comunidades de montes “que queiran colaborar con nós e aportar os deslindes das súas terras”. Con este plan poderían resolverse os diferentes problemas territoriais entre comunidades comunais e individuais.

Sociedade