O primeiro cine de Fene abriu en 1928

O primeiro cine de Fene abriu en 1928

22 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Foi a primeira sala de cine estable que abríu en Fene. Ainda que cambiou de nome ao longo de 50 anos, sempre estivo nas mans da mesma familia, os Lamas. Inaugurouse co nome de Cinema Fene, a última denominación foi Franlaza, pero popularmente era máis coñecido como o cine Lamas. A data de apertura é o ano 1928, segundo o dato que facilita a familia mentras que no Arquivo Municipal o documento máis antigo que atopamos- unha contribución industrial- d

O fundador do Cinema Fene foi Francisco Lamas Calvo, ao seu retorno dos EEUU onde estivo emigrado. Adquiriu un edificio situado no lugar de Casanova, na parroquia de Fene, hoxe Avenida Naturais de Fene, que hoxe xa non existe porque foi derruido no 1984 para a construcción de vivendas. Nas Américas, Francisco Lamas Calvo, adicabase á pesca mentras que detentaba un local de billares e xogos recreativos. Á volta investíu os aforros na compra dun salón de baile coa intención de convertilo en cinematógrafo, primeiro proxectando cine mudo que traballaba con carburo porque daquelas en Fene non había electricidade.Cando chega o "cine parlanchín" un disco servía de banda sonora. A anécdota que conta o seu neto é que as imaxes non cadraban moito co son. 

Como era un negocio familiar, ao pioneiro sucédeo o seu fillo, Francisco Lamas Zarauza. O primeiro que fixo foi cambiar o nome da sala polo de Cine Franlaza, que ven ser a suma das primeiras sílabas do seu nome e apelidos. O seu fillo, Francisco Lamas Sixto, traballa con el dende neno no cine en calquera labor que se lle requerise. Dende os 8 aniños repartía prospectos de man por todo o concello e mesmo chegando ata Laraxe. Os papeliños traían impreso o o título da película por unha cara e pola outra cubríase nunha imprenta de Ferrol o nome do cine e os horarios das proxeccións. Os afiches usaban como reclamo os rostros dos artistas debuxados.
 A pesar de que non dispomos da película coa que se inaugurou o Franlaza, sí lembra Francisco Lamas Sixto (Franki) un título que "arrasou" manténdose moitas semanas en cartel, "El peñón de las ánimas" protagonizada por Jorge Negrete.
 O Franlaza dispuña dun aforo de 220 butacas. Durante moito tempo a frecuencia das proxeccións acadaba catro dias da semana, sabado, domingo, luns e xoves.Nas décadas dos 50 e 60 ampliouse a toda a semana grazas ao apoxeo de Astano. Afirma Franki que " moitas veces viñan reparar a Astano ata seis barcos a un tempo. Como non existía a ponte das Pías, as tripulacións quedaban en Fene e ocupaban o seu tempo de ocio acudindo ao cine". Pero a clientela habitual do cine naqueles anos eran parellas e matrimonios que preferían a función de gala, os domingos ás 8 da tarde. Os nenos e nenas preferían a función de 4. Nos dez ultimos anos da sua existencia o Franlaza incorporóu o sistema de son "Western Electric". Confesa Franki que "o negocio daba para vivir modestamente unha familia.E engade que " as películas xa viñas cortadas pola censura, os bicos quedaban nun achegamento das caras e as pernas femininas estaban prohibidas...Antes de pechar o noso cine tivemos un conflicto por culpa duns carteis que o Inspector de Información e Turismo catalogóu de inmorais. Os carteis xa viñas feitos pero denuncióunos e houbo que retiralos. A partir daí obrigáronnos a colocalos no hall do cine, non no exterior".
 O cine Franlaza pechou as suas portas no ano 1980 sumido, como os demais do entorno, nunha crise provocada para todos pola chegada da televisión e para o cine de Fene en concreto, pola apertura da sala de baile do Perla que mudou moitos hábitos. Afirma Franki que o seu pai pechou o cine por obligación porque el sempre amou o cine. Como dato curioso hai que sinalar que o Franlaza se utilizou antes de pechar, nos primeiros anos da democracia, como foro de debate político durante o primeiro mandato municipal posto que a casa do concello quedaba pequena para acoller aos curiosos cidadáns, ávidos de asistir aos debates da corporación. Así foi como o alcalde Xosé María Rivera Arnoso sustituiu a John Wayne na pantalla do Cinema Fene.

Sociedade