O programa Lugo O2 achega os campamentos de verán a Guitiriz

O programa Lugo O2 achega os campamentos de verán a Guitiriz

10 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, e a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, presentaron os campamentos destinados a nenos de entre 3 e 16 anos que se desenrolarán na vila durante a segunda quincena de xullo e a primeira de agosto. Esta actividade enmarcarase dentro do programa do organismo provincial, Lugo O2.

Esta iniciativa divídese en dous campamentos segundo a idade dos seus usuarios. Así, o primeiro, que recibe o nome de “Coñece a Natureza”, está dirixido a nenos e nenas de 3 a 6 anos, mentres que o segundo, “Entende a Natureza” abarcará un arco de idade dos 7 aos 16.

A distribución será en catro grupos e unha semana de actividades por cada un deles. Así, a primeira semana, entre o 15 e o 22 de xullo, será a quenda dos pequenos de 6 a 12 anos; do 23 ao 31 do mesmo mes tocaralles aos mais pequenos, aqueles de idades de entre 3 e 6 anos; do 1 ao 8 de agosto pasarán os de 7 a 12 anos; e nos últimos sete días, do 8 ao 15 de agosto, serán os de 12 a 16 os que tomen o relevo.

Os grupos estarán integrados por un máximo de 30 rapaces (os de 7 a 16 anos), mentres que serán 20 os pequenos de entre 3 e 6 anos os que poidan achegarse ao embalse de San Xoán para participar nesta actividade. A diferenza de número estriba nos maiores coidados e atencións que requiren os cativos mais novos.

O espazo que acollerá as diferentes actividades dos campamentos de verán será a Aula da Natureza de San Xoán de Lagostelle, tanto para aquelas que requiran estar baixo teito, como as que se fagan no exterior. Os nenos comerán alí e terán a posibilidade de durmir un día no recinto.

A variedade será a sinal de identidade destes campamentos. Os rapaces disporán de nove actividades que irán desde a construción de depuradoras caseiras ata a reciclaxe do papel, pasando polo coñecemento dunha cociña solar, o funcionamento do ciclo da auga e da reciclaxe, a creación de xabón caseiro, ou os xogos coa enerxía eólica.

O principal obxectivo perseguido por esta acción, segundo explicou Lara Méndez, é “poñer en contacto aos rapaces e rapazas co Medio Ambiente, realizar actividades que sirvan para que eles poidan poñer en valor a natureza, sen esquecer de desfrutar dunha época ideal para o xogo como é o verán”.

A escolla de Guitiriz como ámbito para desenrolar esta actividade foi sinxelo, tal e como indicou Méndez, xa que foi un concello “onde sempre se apostou pola sostibilidade e o Medio Ambiente, polo que era o lugar ideal para que os nenos puidesen aprender a valoralo”.

Pola súa banda, Regina Polín, edil da vila chairega, amosouse satisfeita pola chegada dun proxecto tan “interesante e innovador”, sobre todo porque é unha actividade que “será útil para os mais pequenos”, para que “recoñezan o valor de medio no que viven e poidan valorar mellor o entorno de Guitiriz”.

O período de inscrición está xa aberto e durará ata o 30 de xuño. Para aqueles que queiran facelo deberán acudir ao Concello. O horario de mañá será de 9:00 h a 14:00 h na Oficina de Turismo e pola tarde de 16:00 h a 20:00 h na Omix.

O programa Lugo O2 ten un orzamento de 5 millóns de euros e busca potenciar aqueles concellos que son reserva do Medio Ambiente, tanto desde un punto de vista social como económico sen esquecer o seu respecto pola sostibilidade e o entorno natural.

Sociedade