O PSOE comeza a súa campaña na Terra Chá en Vilalba

O PSOE comeza a súa campaña na Terra Chá en Vilalba

22 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A candidata ao Parlamento Europeo Rosa Miguélez percorreu esta mañá o mercado de Vilalba na primeira xornada dos socialistas na campaña para os comicios europeos na Terra Chá. A socialista entregou propaganda electoral polas rúas da vila e animou á xente do medio rural a que vote o vindeiro 7 de xuño e o faga polo seu partido.

Miguélez expresou que o PSOE “ten unha idea dunha Europa próxima aos cidadáns do agro galego”. A representante do PSdeG opinou que os cidadáns chairegos precisan dun “esforzo” e dunha “política agrícola común que siga sustentando e apoiando á xente do campo”. A candidata quixo desterrar a imaxe de lonxitude dos organismos europeos ao establecer que “Europa está máis preto das pequenas vilas e dos pequenos concellos do que os cidadáns imaxinan”.

 

Pero Miguélez tamén se referiu ás axudas europeas cando dixo que estas eleccións eran importantes para que “as subvencións achegadas de fondos europeos e destinadas primordialmente a que a xente que vive da agricultura e da gandería non teñan que marchar das súas terras, nin das comarcas rurais”.

A membro do PSOE remarcou que nestes comicios do 7 de xuño decidiranse dous modelos de Europa: “un conservador, preocupado polo diñeiro, por manter os privilexios e outro progresista, socialista que o quere é achegar Europa á xente e as súas preocupacións diarias”.

Sociedade