O PSOE vilalbés reclamará medidas para eliminar os vertidos ao Magdalena

O PSOE vilalbés reclamará medidas para eliminar os vertidos ao Magdalena

11 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O grupo socialista de Vilalba presentará unha moción para que o goberno municipal tome medidas que permitan eliminar os vertidos contaminantes que sofre o río Magdalena procedentes da depuradora. Segundo a oposición vilalbesa, o problema agravouse nas últimas datas, nas que “a situación empeorou no último mes con máis de oito días vertendo contaminantes, como veñen denunciando, entre outros, a asociación de pescadores

Para o PSdeG vilalbés esta situación é “debido a incapacidade da depuradora de absorber toda a cantidade de auga nos momentos de crecida”. Segundo os socialistas, estes vertidos “poderían ser evitados se houbese algún tipo de mecanismo que fose capaz de impedir que tanta auga xunta chegase ás instalacións actuais”.

 

Como solución esgrimen “un proxecto de dobre canalización que separase, nas nosas rúas, as augas fecais das augas pluviais, que non terían que ser tratadas do mesmo xeito se fosen por un conduto diferente e que darían a posibilidade de que a depuradora non se colapsara por estes excesos de caudal de auga que chega nos momentos de crecida”. Esta dobre canalización foi exposta no proxecto socialista de emprego do Plan Estatal de Inversión Local pero foi rexeitada polo goberno municipal.

Desde o PSOE tamén se aceptaría, “como outra solución”, a instalación dun pozo de tormentas “que acumulara as augas das crecidas para evitar que estas colapsaran a depuradora”.

Así, proporán no pleno do vindeiro mércores 13 de maio, o aproveitamento da apertura estival da presa da praia fluvial para levar a acabo a limpeza desta, para evitar encher de lixo o ecosistema; solicitar os permisos pertinentes e proceder a limpar a marxe do río; presupostar e proceder en breve á construción dun pozo de tormentas que evite os continuos vertidos contaminantes da depuradora municipal e redactar un plan de realización de obras para conseguir a dobre canalización das augas pluviais e fecais e que se leve a cabo unha progresiva implantación deste sistema nas rúas do noso casco urbano nos anos vindeiros.

Sociedade