O Ramonciño de Castelao

O Ramonciño de Castelao
16 de Abril, 2020 - 02:48 h. | Publicada por Radio Fene

Suso Piñeiro foi por unhas horas o Ramonciño de "Os vellos non deben de namorarse" de Castelao vai para 50 anos no Teatro Xofre de Ferrol. Falamos con este veciño de Pontedeume que foi actor por un día.

ESCOITA O PODCAST:

Por azares da vida, o eumés Xesús Piñeiro, fixo parte daquel elenco teatral que representou “Os vellos non deben de namorarse” no Teatro Xofre de Ferrol. Rematara os estudos no Seminario de Mondoñedo e tras o retorno á casa leeu no xornal un anuncio que pedía un actor para unha obra de teatro. A cita foi no edificio do antiguo concello e sede despois do sindicato vertical de Ferrol. Alí se atopou Suso Piñeiro cunha xente que non coñecía, entre eles lembra a Guillermina, a Antonio ou a Raimundo Anido. “Conservo o libro de Galaxia que utilizamos para os ensaios asinado por todos eles, como un tesouro” afirma Piñeiro.  Confírmanos que Juan Bayolo,  era o director. Descoñecía quen era ou qué significaba Castelao pero chamoulle a atención que a obra se representase en galego, no idioma que falaba no seminario cos seus compañeiros.

Os ensayos, lembra o noso convidado, sofriron un retraso de meses a causa da morte en accidente dun fillo do director. Despois de Ferrol fixeron unha pequeña xira pola comarca, levando a obra a Valdoviño e a Vilaboa, segundo lembra Piñeiro, quen pouco tempo despois mercou o "Sempre en Galicia" na Central librera por recomendación de Cipriano Dobarro da cafetería Negresco. Suso Piñeiro non volveu saber nada dos outros actores e actrices da obra na que el encarnou a Don Ramonciño. En maio de 1970 marchou para a mili a Madrid e á volta á Universidade de Santiago. Garda o recorte de prensa daquela exitosa representación no Teatro Jofre de "Os vellos non deben de namorarse", unha das pezas da dramaturxia galega máis representadas.

(Na imaxe, máscara de Castelao para a obra estreada en  agosto de 1941) 

Cultura

Publica o teu comentario agora