O rastrexo parece un asunto de Estado

Médicos e pacientes están incómodos coas consultas teléfónicas
04 de Outubro, 2020 - 07:00 h. | Publicada por Radio Fene

As consultas telefónicas nos centros de saúde non están xustificadas a estas alturas, afirma o médico Manuel Martín, voceiro de SOS Sanidade pública.

ESCOITA O PODCAST:

Consultas telefónicas

A atención primaria enfróntase ao exame máis difícil, entre queixas do persoal e queixas dos usuarios. Para o médico e membro da plataforma SOS Sanidade pública, Manuel Martín, a atención telefónica non está xustificada a estas alturas. “É posible que no comezo fose necesario para evitar o contaxio pero agora, despois do descenso da curva da epidemia e as medidas adoptadas, non parece razoable que a maior parte das consultas sexan telefónicas e haxa que agardar 7 ou 8 dias para ser atendidos” declara Martín para quen o contacto directo, cercano entre médico e paciente é a base da atención primaria.

Sobre os reforzos prometidos, Manuel Martín afirma que veñen arrastrando a falta de persoal médico e de enfermería desde os recortes da primeira crise económica. Os centros quedaron moi tocados porque os médicos se van xubilando e non se repoñen as prazas vacantes. “Isto leva a que neste momento os centros de saúde teñan un problema grave de falta de persoal e os pacientes, que xa sufrían as listas de agarda nos hospitais, agora tamén na atención primaria”.

Rastrexo e PCRs

Tamén está o sistema de rastrexo que explica Manuel Martín “parece un tema de Estado, descoñecido” e engade que Núñez Feijoo dixo que poñerían 6000 persoas a facer o rastrexo pero parece que a cifra non é real. Como mínimo necesitaríanse 900 rastrexadores seguindo a pauta de 30 x 100.000 habitantes. “A maneira de afrontar a pandemia é localizando rápido os posibles infectados para evitar o contaxio aos familiares ou compañeiros de traballo”. En relación ás PCR informa Manuel Martín que aumentou a súa adquisición nunhas 100.000 unidades e que agora vaise adquirir unha proba diferente (50.000 previstas) que analiza a saliva e é máis rápida. O que descoñece é a quen se fan as probas nin o resultado das mesmas.

 

(Na imaxe, Centro de Saúde do Tarrío. Fene)

Sociedade

Publica o teu comentario agora