O sábado terá lugar a XVI edición do Festival do Río Castro

O sábado terá lugar a XVI edición do Festival do Río Castro

02 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O sábado celébrase unha nova edición do Festival do Río Castro. Este é o decimosexto ano consecutivo que a asociación de veciños Castelo de Narahío organiza este evento.

Hoxe falou para os micrófonos de Radiofusión Manolo Varela, un dos organizadores do festival, que explicou cal será o programa de Festival. Aínda que hai quen comeza o festival o venres pola noite, oficialmente o pistoletazo de saída dase ao mediodía coa instalación das merendas para xantar. Xa na tarde, os máis pequenos estarán entretidos a partir das tres e media con grupo Chapeau animación de Ferrol. Ás cinco da tarde Peter Punk divertirá a pequenos e maiores, xa que é un dos mellores espectáculos de clown da zona. Seguido deste espectáculo, o deporte popular fará a súa aparición. Os participantes poderán optar a diferentes premios, pero os que terán premio seguro serán os nenos, xa que a asociación daralles unha cerdeira a cada un.
Non podemos esquecer a música, que é un dos puntos fortes do festival. O evento comezará con música tradicional da man de “Berros do Castro” (de Narahío) e “Pesdelán” (Santiago). Xa pola noite “Os Tres Trebóns” (A Coruña) e “Ultracans” (Santiago) divertirán aos máis novos con música un pouco máis actual.
Manolo Varela recordou que este festival naceu como unha protesta contra os vertidos de lodo dunha canteira ao río Castro. Querían dar a coñecer este problema que tamén afecta ao río Xubia e que mellor maneira de facelo que cun festival. Na edición deste ano non faltarán as pancartas e o espírito reivindicativo do festival. Estímase que este sábado asistan entre 3500 e 4000 persoas á XVI edición do Festival do Río Castro.

Cultura