O sabor do viño do paisano

O sabor do viño do paisano

02 de Xaneiro, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

Saborear o viño elaborado con agarimo nas casas de Palas de Rei. Poderanno facer os visitantes que se acheguen á localidade  na que se ubica o castelo de Pambre, este xoves. Organízase a sexta edición da Festa do Viño do Paisano. Todo comezará co sorteo dunha viaxe a Mallorca entre as persoas que fixeron as súas compras nas últimas semanas nos comercios da vila.

A Asociación de Comerciantes e Industriais de Palas de Rei (Acipa) organiza esta sexta edición da Festa do Viño de Paisano.  cita contou o ano pasado A presenza dunhas 1.500 persoas e os organizadores pretenden este ano chegar ás 2.000.

As degustacións, que serán na Praza do Concello a partir das 21.00 horas, contarán co viño producido por moitas do oitenta familias do municipio que anualmente se dedican a este labor.

Na maioría dos casos, como A Ulloa non é zona de viñedos, as uvas cómpranse aos viticultores de Ribeira Sacra.

Precisamente, serán catadores desta denominación de orixe os que seleccionen os mellores caldos, puntuando o seu sabor, textura e outras características, que recibirán diversos premios.

Para acompañar os caldos, e de forma totalmente gratuíta, haberá degustación de pan, elaborado por todos os obradoiros do municipio, queixo de Arzúa-Ulloa, cedido polo consello reitor e "torresmos ó espeto".

Ademais, a noite estará amenizada por grupos de música e conxuntos de danza tradicional galega.

Campaña de Nadal

Por outra banda, os empresarios e industriais de Palas organizan un ano máis a campaña de Nadal, que este ano leva como lema "Mercar en Palas é un agasallo".

As persoas que compren nos comercios palenses recibirán unha participación para o sorteo que se celebrará o día 5 de xaneiro.

En concreto, os empresarios palenses repartirán en premios unha viaxe a Mallorca de fin de semana para dúas persoas e estancias no balneario de Pambre, incluída unha cea romántica.

O sorteo terá lugar o 5 de xaneiro, na Praza do Concello de Palas de Rei, a partir do oito e media da tarde. A continuación, no mesmo sitio, comezará a Festa do Viño de Paisano.

Sociedade