O salvavidas das aulas virtuais e os whatsapp

O salvavidas das aulas virtuais e os whatsapp
27 de Marzo, 2020 - 12:22 h. | Publicada por Radio Fene

Falamos coa concelleira de Ensino de Fene. Ángeles Coira cóntanos como se apañan nos centros escolares para manter unha actividade académica de repaso.

ESCOITA O PODCAST:

O Ministerio de Educación agarda reanudar as clases presenciais do curso escolar entre finais de maio e principios de xuño. Quedarían apenas quince días para o remate oficial do curso 2019-2020. Ante esta nova, a concelleira de Ensino de Fene, Ángeles Coira, amósase optimista e non descarta reanudalo a finais de abril. Sabe que moitas Anpas manifestaron o desexo de que se amplíen as clases máis aló de xuño. Pola contra, sinala, na nosa comarca parece que non están por esas.

En relación cos centros de Fene e despois de manter contactos coas direccións dos mesmos así como coas Anpas, Coira nos comunica que seguen as directrices da Xunta de Galicia. Nos niveis de Infantil e Primaria utilizan as páxinas web dos centros. A través das aulas virtuais colgan as actividades de repaso e ofrecen as solucións ao día seguinte. Tamén teñen acceso aos libros cun contrasinal de usuario. Ademais está o espazo Abalar que lles permite manter a información en ambas direccións, entre alumnado e profesorado. Algún alumno, segundo lle contan desde os centros, usa o móbil para falar coa titora, á que botan de menos.

“A pretensión do profesorado é chegar a todas as familias porque algunhas non teñen ordenador pero sí móbiles, aínda que non todos son compatibles" afirma Ángeles Coira. Insiste en que as materias son de repaso. En ESO e Bacherelato están a utilizar as aulas virtuais e os grupos de whatsapp, aínda que en FP isto é máis complicado. Indícanos a concelleira fenesa do BNG que ao principio da alarma sanitaria, o profesorado acudiu aos centros pero despois se dispuxo que só quede un retén de unha persoa.

Tal e como fan os seus propios fillos, "hai que seguir unha rutina de estudo. O de primaria está moi enganchado coas actividades, precisamente por ser especiais e novidosas para el” declara Ángeles Coira.

(Na imaxe, alumnado do ceip Centieiras en Radio Fene, realizando o programa Crónicas de Centieiras).

Cultura

Publica o teu comentario agora