O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte saca da depresión a Terra de Soneira

O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte saca da depresión a Terra de Soneira

03 de Outubro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

A Terra de Soneira no corazón da Costa da Morte, este é o título dunha nova publicación que vén de editar Xerais e que vai máis aló dunha simple guía turística. Un auténtico manual sobre os moi diversos aspectos que caracterizan Camariñas, Vimianzo e Zas, os municipios que integran a comarca. Coordinados por Xosé María Lema Suárez, tamén autor da obra, Evaristo

A obra continúa con dous apartados que non adoitan aparecer nas guías: a análise da forma de falar dos soneiráns e un estudo sobre os apelidos máis frecuentes desta zona. Logo vén unha introdución xeográfica: natureza e paisaxe, onde se diferencia a Soneira interior e unha máis reducida Soneira da beiramar.

Os autores non se esquecen tampouco de achegar unha visión histórica da comarca desde os tempos prehistóricos aos contemporáneos e, a continuación, as ricas manifestacións artísticas desde o megalitismo á actualidade. Tamén se considera de interese o rico patrimonio etnográfico, de aí a necesaria referencia á arquitectura popular e etnográfica (a casa labrega e mariñeira, os hórreos, os muíños, os batáns, etc.). Igualmente, atopamos referencias á senlleira e refinada artesanía soneirá, que ten no encaixe de Camariñas unha recoñecida proxección universal e na recuperación dos labores do liño un modelo a seguir de como retomar os vellos oficios pode servir de elemento dinamizador dunha comarca.

Outro dos aspectos importantes desta obra son os persoeiros nacidos nalgún dos tres concellos, a rica gastronomía, as actividades deportivas, as festas tradicionais máis importantes ou os eventos instituídos modernamente con notorio éxito de público: o festival folk da Festa da Carballeira de Zas, o Asalto ao Castelo de Vimianzo ou as rapas das bestas.

Un apartado especial merecen, xa cara o final do libro, as rutas para coñecer a comarca. Propóñense itinerarios xerais e outros específicos: o arqueolóxico: polos Penedos de Pasarela, Traba e Piñeo; polo curso alto do río Grande ao medio do río Xallas; de Baio a Baíñas e de Vimianzo a Berdoias ou a ruta dos naufraxios.

A Terra de Soneira no corazón da Costa da Morte, unha obra para veciños, visitantes e persoas interesadas en achegarse á cultura e lugares máis senlleiros de Galicia. Xerais agarda que esta publicación sirva de exemplo a outras comarcas galegas.

Cultura