O SLG pide a Elena Espinosa que rectifique as súas medidas sobre o Chequeo Médico da PAC

O SLG pide a Elena Espinosa que rectifique as súas medidas sobre o Chequeo Médico da PAC

26 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Sindicato Labrego Galego (SLG) insta á ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño (MARM), Elena Espinosa, a que dea marcha atrás nas súas medidas adoptadas sobre o Chequeo Médico da PAC, ademais de apoiar algunhas das medidas acordadas na reunión ministerial da UE celebrada o pasado luns en Bruxelas.

Para o SLG é preciso que o aumento da cota de produción de leite en Europa e a liberalización do mercado coa desaparición do control de produción non se reflicta na realidade agraria, xa que “este tipo de iniciativas son as que están a provocar que teñamos importacións masivas de leite a baixos prezos”.

Outra das valoracións que esta organización agraria fixo da xuntanza de responsables europeos foi o rexeitamento das medidas de apoio á exportación e ao almacenamento privado de leite, xa que, na súa opinión, “non van resolver a grave situación que o sector lácteo está a sufrir polo descenso dos prezos”. Tamén considerou unha oportunidade perdida polo MARM opcións como as establecidas polo goberno alemán para centrar o debate e as solucións no establecemento dun prezo mínimo que cubra custos de produción e traballo.

Estas vías de solución pasarían, para este sindicato agrogandeiro, por unha “redistribución das cotas europeas con criterios sociais e o establecemento de prezos mínimos”, o que facilitaría “unha produción de leite ordenada e a vertebración do territorio en toda a Unión Europea”.

III Mercado da Transparencia

Esta organización apoiou onte en Madrid a convocatoria da Coordenadora de Agricultores y Ganaderos (COAG), Unión de Consumidores de España (UCE) e Organización de Consumidores (CEACCU), do III Mercado da Transparencia.

Esta é unha acción reivindicativa na que participan labregos de todo o Estado para permitir a reflexión conxunta de consumidores e produtores sobre as políticas agrarias actuais. A través de esta iniciativa búscase amosar as “marxes especulativas que as empresas multinacionais da alimentación impoñen aos labregos e consumidores”.

Estas marxes afectarían a produtos base da alimentación, como é o caso do leite, que ten un incremento de prezo na venta ao consumidor dun 288 %, as patacas, cun 470 % ou as leitugas, co 775 %.

A Secretaria Xeral do SLG, Carme Freire Cruces, denunciou, na súa intervención neste acto, a necesidade de elaboración dunha normativa que fixe prezos “de abaixo a arriba”, é dicir, o establecemento de prezos mínimos que cubran os custes de produción e o traballo para produtoras e produtores, e “rematen coas prácticas especulativas sobre os alimentos que están a levar a cabo as multinacionais da alimentación”. Asemade, tamén salientou a responsabilidade que ten o Goberno Central na elaboración destas normativas, lembrando que o propio Parlamento de xeito maioritario lle instou a facelo xa no pasado mes de novembro do 2008.

Sociedade