O SLG reclama unha acción conxunta para solucionar o problema da recollida do leite

O SLG reclama unha acción conxunta para solucionar o problema da recollida do leite

10 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A situación dos prezos do leite, en continua baixada e con serios problemas pola retirada de gran parte da recollida de empresas lácteas como Leche Pascual, motivou a denuncia do Sindicato Labrego Galego, que acusou á industria de falsedade.

O SLG salientou que a patronal leiteira minte ao alegar que “sobra leite” como escusa para xustificar o abandono de recorridos de recollida. Para o sindicato agrario, o sector produce, tan só, dous terzos do total de leite consumido, polo que non se sostén este argumento para reducir a compra da produción ás explotacións.

Para tentar buscar unha solución a este problema e reducir o impacto das accións das centrais leiteiras sobre os produtores, o SLG fai un chamamento público ao conxunto do sector (organizacións agrarias, cooperativas, grupos de gandeiros/as, etc) para debater, articular e concretar, de xeito consensuado, as accións necesarias para rematar con esta situación imposta pola industria e as empresas de distribución.

O SLG tamén reclama ao goberno galego e central a elaboración de normativas que garantan o establecemento de prezos mínimos que cubran custos de produción e garantan o medio de vida para as explotacións”.

Sociedade