O temporal bate con forza en Ordes

O temporal bate con forza en Ordes

14 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

Ordes viuse gravemente afectado polo temporal de vento que afectou a pasada noite a boa parte de Galicia. Dende o Concello estimaron en máis de 150.000 euros os danos ocasionados. Uns danos que afectaron á cuberta translúcida da praza de Abastos que se viu levantada, así como a cuberta de uralita que cubre o graderío do campo de fútbol de Vista Alegre.

A isto sumouse ademais outra serie de danos como árbores caídas nas estradas, danos en naves e bens de particulares, así como a falta de suministro eléctrico. Un suministro eléctrico, que no caso do casco urbán do municipio, non se veu restablecido ata preto das dez da mañá, estando arredor de seis horas sen restablecerse, algo que o alcalde asegurou “aínda que entendemos dadas as circunstancias, non se pode permitir para un municipio como Ordes”.

O alcalde, Manuel Regos, quixo destacar o traballo realizado tanto pola Policía Local como por Protección Civil, que realizaron os traballos de retirada de árbores e demais mobiliario caído, un traballo que asegurou se viu perxudicado pola falta de luz.

O primeiro edil, que visitou as zonas afectadas polo temporal de vento, explicou que aínda que Ordes se viu moi afectado, “hai que celebrar que non houbera que lamentar ningún tipo de dano persoal”.

Sociedade