O Toxos move a música tradicional

O Real Coro Toxos e Froles trae o sábado 6 de abril ao grupo madrileño, La Musgaña
20 de Febreiro, 2019 - 01:09 h. | Publicada por Radio Fene

O Real Coro “Toxos e Froles” vai levar a cabo en vindeiras datas unha serie de actividades arredor da música tradicional coas que se procura dar a coñecer e afondar na aprendizaxe da cultura popular.

  Arrinca hoxe a primeira delas, ás 20:30 horas, coa presentación do libro “O gaiteiro de Santo Xusto” de Bruno Villamor Gay. Nesta publicación Bruno Villamor (Lugo, 1978) recolle parte do repertorio que aprendeu do seu avó Ramiro, músico autodidacta da bisbarra do Ulloa. Nacido en Toques (A Coruña), Ramiro estableceuse en Santo Xusto (Palas de Rei) moi novo. As primeiras melodías que interpretou foron nunha «pipa» ou «gaita de alcacén» cando ía co gando. O primeiro contacto que tivo cunha gaita foi nunha Cátedra da Sección Feminina en Pidre, en 1960, a onde foi cunha gaita prestada. Así pasou a ser coñecido como O Gaiteiro de Santo Xusto e gañou un oco importante na memoria histórica musical da comarca. Bruno Villamor Gay (Lugo, 1978). Titulado Superior en Música na Especialidade de Instrumentos da Música Tradicional Galega polo Conservatorio Superior de Música de Vigo. Neto d’O Gaiteiro de Santo Xusto’, entre outros méritos foi finalista do 24éme e 26éme Trophée Interceltique pour soliste de gaita Mac Crimmon (Lorient 2012 e 2014) e os dous accésits acadados no Concurso de Gaita Constantino Bellón nas edicións XVI e XVIII. Na actualidade combina a dirección artística da Asociación Cultural “Cántigas e Frores” coa impartición de clases de gaita, requinta e percusión tradicional.

A seguinte actividade terá lugar o domingo 24 de Marzo e será un obradoiro de pandeira impartido por Felisa Segade e Xermán Muiños. Neste curso farase un percorrido por diferentes lugares das montaña e vales coñecidos como Ancares, con referencia a lugares cercanos con tradición musical análoga á que se vai tratar e traballaranse os diferentes xeitos e ritmos empregados nas montañas de Cervantes e Navia e do leonés e moi próximo val de Ancares. Felisa Segade leva dende o ano 1986 adicada ao traballo de campo na recollida da nosa música e tradición cultural, co que alimenta tanto os seus traballos musicais como docentes. Imparte aulas de percusión tradicional en diferentes entidades e agrupacións culturais de toda Galicia, e desde 1989 é integrante do grupo de baile e música tradicional Brincadeira (Compostela). É cofundadora de Leilía (1989) e tamén de Tres Pesos (2014). Xermán Muiños tamén ten un longo traballo de investigación da música galega desde comezos dos 90, amante e defensor do traballo de campo, ao que ten dedicado boa parte do seu tempo. Formado a través deste traballo de campo, compartindo experiencias con outras e outros investigadoras/es, acudindo a cursos impartidos por estas persoas e outras/os profesionais, recurrindo a fondos documentais..., mantendo unha intensa relación coas formas e expresións musicais do oriente da provincia de Lugo e o occidente das de Asturias e León a través da colaboración coa Festa da Pandeira de Piornedo. Foi integrante do grupo Pandeiromus.

E xa para rematar, o sábado 6 de Abril estarán en Ferrol o grupo La Musgaña. O afamado grupo madrileño, que na actualidade está formado polo ferrolán Carlos Beceiro (mandola, guitarra acústica e zanfona), Luis Antonio Pedraza(frauta de tres buratos e tamboril, gaitas de Aliste e Sanabria, trompeta e percusión) e Jaime Muñoz(frautas, acordeón diatónico, clarinete e tambor), despois de 30 anos de carreira musical, presentarán un novo directo no que resumen o seu amplo repertorio de folc ibérico. Coas súas melodías e cantos viaxaremos polas canción da Meseta e coñeceremos a súa riqueza cultural. La Musgaña ten actuado por toda e Península, USA, Inglaterra, Italia, Marrocos, Francia, Alemania, Rusia,...

Cultura

Publica o teu comentario agora