O traballo é benvido

O traballo é benvido
19 de Xuño, 2020 - 09:57 h. | Publicada por Radio Fene

A pesar de que recoñece a relevancia do novo contrato de eólica mariña, a presidenta do comité de Navantia Fene, Adela López, está contrariada porque a dirección non lles informou sobre o mesmo. Por iso non asistiron ao acto de asinatura do contrato entre Iberdrola, Navantia e Windar celebrado onte.

ESCOITA O PODCAST:

A pesar de estar convidado, o comité de empresa de Navantia Fene non asistiu ao acto da sinatura do contrato entre Iberdrola, Windar e Navantia Fene celebrado onte coa presencia do presidente da Xunta, Núñez Feijoo. “Declinamos a invitación porque non se nos informou en tempo e forma sobre ese contrato”. Dito isto, a presidenta do comité, Adela López, recoñece que é o contrato máis importante en eólica mariña dos que tivo o estaleiro fenés ata o momento. “Estámonos facendo un oco no mercado, todo o que supoña carga de traballo é benvido. Fainos falla”.

Non pode contestar Adela López (na imaxe) a cantas horas de traballo suporá a construción de 62 jackets para o parque francés de Saint Brieuc, alegando esa falta de información oficial. Aínda sen contar coa confirmación da dirección, sabe que o novo contrato necesitará dunhas 1000 persoas entre Avilés e Fene. O comité de empresa segue a reclamar a construción dun buque. “Sempre imos reclamar a construción naval porque somos un estaleiro” afirma a presidenta, aínda que neste momento se teñan feito un nome no negocio da eólica mariña.

Na actualidade Navantia Fene conta con 105 traballadores e traballadoras en plantel, un número ben precario. Por iso cre urxente a presidenta recuperar xente no centro de Fene e que remate axiña o proceso da asignación das prazas da convocatoria de 2019 en curso, que reportará 34 prazas ao plantel do estaleiro fenés.

Sociedade

Publica o teu comentario agora