O tramo Cabreiros - Vilalba da autovía de Ferrol abriráse en xaneiro

O tramo Cabreiros - Vilalba da autovía de Ferrol abriráse en xaneiro

13 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, realizou na mañá de hoxe unha visita ao último tramo da autovía Ferrol-Vilalba (AG-64), entre Cabreiros e a capital da Terra Chá, co obxectivo de inspeccionar o remate das obras que suporán a posta en servizo do trazado completo de dita infraestrutura. No acto tamén estiveron presentes os alcaldes de Xermade e Vilalba.  

Nestes momentos estanse a realizar as labores de estendido do aglomerado, que supoñen a última fase construtiva. Hernández salientou que quedan uns vinte días de traballo para que o treito quede en condicións óptimas para a súa apertura ao tráfico, sempre e cando acompañen as condicións climatolóxicas. A este respecto, destacou que estase a traballar durante a fin de semana porque é necesario aproveitar os días de bo tempo para axilizar as obras, xa que o aglomerado non pode botarse cando chove ou existe excesiva humidade no terreo. De cumprirse os obxectivos da consellería, o tramo Cabreiros-Vilalba, de preto de 14 quilómetros, poderá poñerse en servizo no mes de xaneiro. Agustín Hernández resaltou o “feito histórico” que suporá ter rematada esta infraestrutura, xa que significa que os cidadáns de Ferrol e a súa comarca estará unidos por autovía coa Meseta e con Madrid, ademais de ver melloradas as comunicacións co norte da península.A autovía AG-64, de 56,2 quilómetros de lonxitude, ten a súa orixe no acordo entre a Xunta e o Estado para a construción da Autovía do Cantábrico (A-8), que establecía que o treito entre Ribadeo e a A-6 correspondía ao Ministerio de Fomento, mentres que o Goberno galego comprometíase a construír a conexión con Ferrol a través de Vilalba. O primeiro tramo da autovía, entre Catabois e Igrexafeita, púxose en servizo no ano 2002, e o seguinte, ata Espiñaredo, en xuño de 2005. O conselleiro destacou que a Xunta de Galicia “cumpriu coa súa parte, e os cidadáns de Ferrolterra poderán, dentro de moi poucos días, viaxar ata Madrid utilizando unha autovía na totalidade do traxecto”. A autovía Ferrol-Vilalba supuxo un investimento de preto de 200 millóns de euros e un reto construtivo importante tanto dende o punto de vista da enxeñería civil como dende a perspectiva ambiental. Entre outras estruturas, dispón do viaduto mais longo de toda a rede autonómica, o do Eume, cunha lonxitude de 1.101 metros. Os 14 quilómetros entre Cabreiros e Vilalba, a piques de rematar, supuxeron un investimento de 40 millóns de euros, dos que máis de 2,5 millóns corresponderon ás expropiacións. Como o resto da infraestrutura, ten una sección transversal de 24 metros de ancho, con dous carrís por sentido de 3,5 metros cada un, beiravías exteriores de 2,5 metros, interiores de 1,5 metros e unha mediana de separación de dous metros de ancho. O radio mínimo  das curvas neste tramo é de 1.000 metros, e a rampa máxima do 4,75% Para facer o treito fixo falta realizar un movemento de dous millóns de metros cúbicos de terra, e empregar 1,7 millóns de metros cúbicos na construción de terrapléns ou pedrapléns. A autovía ten, neste último percorrido, 7 pasos superiores e 8 inferiores para impedir o efecto barreira no territorio, así como unha ponte sobre o río Trimaz. Dispón dun enlace en Cabreiros, outro en Cabodaldea e outro en Vilalba, onde conecta coa glorieta da Autovía do Cantábrico. O proxecto tamén contempla a reposición de camiños de servizo, a restauración integral e paisaxística e a instalación de pantallas de proteccións acústica. Esta infraestrutura  beneficia dun xeito directo aos mais de 153.000 habitantes de Ferrol, Narón, Neda, San Sadurniño, As Somozas, As Pontes, Xermade e Vilalba.

Sociedade