O transporte metropolitano da Coruña bota a andar

O transporte metropolitano da Coruña bota a andar

10 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, salientou hoxe que lanzamento na área urbana da Coruña do novo Transporte Metropolitano constitúe un “avance substantivo cara á modernidade, cara á unha sociedade que progresa nunha dobre dirección, única e inseparable, do que queremos todos construír, que é unha sociedade sustentable e unha sociedade inclusiva”. O titular do Goberno galego fixo esta afirmación

O convenio asinado hoxe, explicou o presidente galego, supón o nacemento “da primeira gran área de transporte metropolitano na Comunidade Autónoma de Galicia”, que estará funcionando nun prazo máximo de catro meses beneficiando a 400.000 cidadáns desta gran área urbana. Touriño indicou que con esta iniciativa, A Coruña “marca o rumbo do que queremos facer en toda Galicia”, xa que este mesmo desenvolvemento se estenderá ao resto das áreas urbanas galegas, empezando por Santiago, Lugo e Ferrol, e continuando por Vigo, Pontevedra e Ourense.

Aposta pola sustentabilidade e abaratamento dos custos

O xefe do Executivo autonómico resaltou que o Transporte Metropolitano constitúe unha aposta polo desenvolvemento dunha sociedade sustentable, “que contribuirá decisivamente á accesibilidade, á mobilidade, á seguridade e ao aforro enerxético e á aposta medioambiental, retirando miles e miles de vehículos privados das estradas”. Isto debe permitir, engadiu, “gañar en sustentabilidade nunha sociedade de calidade, de excelencia ao servizo dos cidadáns.”

Ademais, o titular da Xunta destacou a estratexia de “inclusividade” que supón o novo Transporte Metropolitano, no que as 250.000 tarxetas “moedeiro” xa dispoñibles teñen por finalidade “abaratar substancialmente o custo do transporte, facelo de verdade fácil, accesible e de baixo custo para a inmensa maioría dos cidadáns que o queren utilizar e que o poden utilizar”.

“O aforro é nada menos que dun 63% no menor caso, na maior parte dos casos dos usuarios frecuentes será maior, e ademais moitísimo maior nos casos de posibilidade de segmentación de oferta de tarifas para determinados colectivos”, detallou Pérez Touriño.

O xefe do Executivo autonómico considerou que o desenvolvemento do Transporte Metropolitano “é unha operación sen custo social, unha operación que o único que trae son vantaxes e beneficios”. Nese sentido, apuntou, “cando se me pregunta que é o cambio, o cambio é isto, non son grandes palabras, non só so grandes poesías. O cambio é exactamente isto, definir, proxectar e dar un salto adiante e facer que a cidade gañe 30 anos cara ao seu futuro”.

Exemplo da concertación que fai “un país imparable”

O presidente da Xunta expresou o seu agradecemento aos concellos implicados no desenvolvemento do Transporte Metropolitano da Coruña, así como aos empresarios do sector que “van colaborar e implicarse activamente para poder materializar esta aposta polo transporte público colectivo”. Así, sinalou que este proxecto “sintetiza o esforzo de cooperación activa, de unión de vontades” e subliñou o seu convencemento de que “da vontade de unión e de superación nace un camiño que fai este país imparable aínda nas circunstancias difíciles nas que estamos”.

Touriño destacou que o Goberno galego asumirá o 80% do custo desta actuación, asumindo “por primeira vez na historia democrática da Comunidade”, o liderado na organización do sistema de transporte público, “coa imprescindible colaboración activa, decisiva, dos concellos da Comunidade”.

“Con isto estamos construíndo cidade e cidadanía, articulando na práctica o discurso do cambio, da renovación e do progreso deste país, e en momentos de incertidume, de desconfianza, de apelación á desmobilización social, isto, é a aposta dun país maduro que ten o rumbo claro do que ten que facer”, resaltou o presidente galego.

O máximo mandatario autonómico referiuse á construción da Vía Ártabra e da Terceira Rolda da Coruña, un conxunto de 30 quilómetros de autovía libre de peaxe que “van articular, están xa articulando esta gran área metropolitana, esta gran área urbana”. O conxunto de actuacións en marcha nesta zona marcan, resaltou Touriño, “un camiño de referencia na modernidade e no progreso de toda Galicia”.

Nese sentido, o presidente da Xunta subliñou que “no horizonte do ano 2012-2013, e o digo con claridade porque é verdade, aínda que non se perciba por parte de algúns, Galicia vai estar no corazón de Europa e no corazón de España, no terreo dos grandes servizos públicos, no terreo da mobilidade, da accesibilidade e de ser unha sociedade plenamente moderna”.

Sociedade