O tren que me leva cara á Mariña

A Plataforma en defensa do ferrocarril Ferrol-Ribadeo reclama máis frecuencia
20 de Outubro, 2020 - 12:04 h. | Publicada por Radio Fene

A Plataforma pola defensa do ferrocarril Ferrol- Ribadeo recolle sinaturas para recuperar os servicios anteriores á Covid19. Da man dos concellos por onde pasa tentan recuperar un tren que sirva para fixar poboación no rural e para fomentar un turismo que merece.

ESCOITA O PODCAST:

A alarma sanitaria trouxo consigo novos recortes na frecuencia do tren Ferrol-Ribadeo, máis problemas dos que xa había acumulados desde hai varios anos. Desde a alarma sanitaria provocada pola Covid19, o traxecto de Ribadeo a Ortigueira veu reducido o horario nun 75%, quedando un único servizo diario en cada sentido. O traxecto Ferrol-Ortigueira seguíu a mesma sorte cercenándose os servizos máis necesarios de primeira e última hora, propios dos traballadores ou dos estudantes. Un representante da Plataforma en defensa do ferrocarril Ferrol-Ribadeo pónnos un exemplo. “Un estudante ou un obreiro que viaxe de Cerdido a Ferrol para acudir ao instituto ou á empresa, non chega ao destino ata as 11 da mañá. Así que non lle vale de nada”.

A plataforma naceu en 2016 porque o tren Ferrol- Ribadeo fora decaendo paseniñamente desde 2002-2003. No 2012 empezaron os problemas de mantenemento das unidades, avarías constantes e falta de persoal. “A situación foi índo a peor e neste momento é límite, de emerxencia absoluta”. Son tantos os problemas que a plataforma ordénaos cun criterio de prioridade.

O 1º  Repoñer os servizos suprimidos desde o mes de marzo a causa da alarma sanitaria e programar uns servizos útiles e axeitados.

O 2º Dotación de persoal para cubrir os servizos, de condución e de intervención.

O 3º Infraestructuras. O mantemento da vía deixa moito que desexar. Hai contínuos desprendementos de terra ou caídas de árbores que obstaculizan o tránsito. É necesaria tamén a reposición e modernización das unidades.

O 4º e último, a creación dun servizo de cercanías para a Mariña, entre Viveiro e Ribadeo.

“Con todo isto pódese dar un bo servizo”. O que podemos gañar é moito: fixar poboación no rural, dar servizo á xente maior que non conduce coches, ser unha ferramenta turística tremenda. (só a paisaxe por onde pasa é espectacular)

A Plataforma considera que existe deixadez porque estamos a falar dunha liña rural que non interesa xa que está moi afastada do sistema de negocio. Unha cabezonería que move á plataforma a insistir, da man dos concellos afectados, con medidas como facer os informes e o seguimento do funcionamento do tren, recoller sinaturas como as que neste momento solicitan de nós para, cando menos, recuperar os horarios anteriores á alarma sanitaria. Para facelo só temos que entrar na súa páxina web e asinar.

Sociedade

Publica o teu comentario agora