O trompetista Walter White actúa no Iberojazz da Coruña

O trompetista Walter White actúa no Iberojazz da Coruña

10 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

Walter White medrou nunha familia musical preto de Detroit, Michigan. Inspirouse nunha idade temperá pola música de Ludwig Von Beethoven e Louis Armstrong. Actuará na Coruña o martes 19 de xaneiro dentro do Festival Iberojazz e volverá a Galicia en xuño para ofrecer dous concertos no marco do Imaxina Sons, Festival de Jazz de Vigo.
 

A quinta edición do Festival Iberojazz amosará as novas perspectivas e tendencias neste estilo musical. Entre os seus obxectivos, o festival pretende apoiar os novos talentos do jazz que xorden na comunidade e na península.Esta edición centraráse nas creacións e adaptacións dos grandes formatos, desde a clásica big band ata os proxectos máis vangardistas e actuais na creación orquestral, para o que se contará coa colaboración do Conservatorio Superior de Música (CSM) da Coruña. Os sete concertos e dous master class que conforman a quinta edición levaranse a cabo no Teatro Rosalía, o Fórum Metropolitano, o Auditorio Andrés Gaos do Conservatorio e os clubs Filloa, Garufa e Terminal.

A primeira cita, o martes 19 de xaneiro, será co trompetista White, que formará cuarteto co trío galego-asturiano-arxentino composto por Miguel Queixas (batería), Jacobo de Miguel (piano) e Gustavo Hernán (contrabaixo). O Iberojazz concluirá o 29 de xaneiro. Ademais do trompetista de Detroit actuarán na Coruña, o guitarrista Steve Brown, Carlos López Quintet, o octeto liderado por Roberto Somoza, a big band do CSM da Coruña e o peche será para Baldo Martínez co seu Projecto Miño. Tamén se inclue no festival o espectáculo protagonizado por Carlos Blanco.

Cultura