O uso das explanadas para hostalería

O uso das explanadas para hostalería
05 de Xuño, 2020 - 10:24 h. | Publicada por Radio Fene

A Corporación de Fene aprobou por unanimidade suspender ata o 31 de decembro o cobro do uso de terrazas ou explanadas para bares, cafeterías e restaurantes. Na sesión, celebrada na tarde de onte,  rexeitouse unha moción do Partido Popular que propoñía facilitar os requisitos urbanísticos para o aproveitamento deses espazos e urxía celeridade nas respostas ás solicitudes de licenzas.

ESCOITA O PODCAST:
Explanada do café bar A Ponte. Rúa do Concello de Fene

O edil de Facenda Manuel Polo (BNG) xustificou o voto contrario á proposta "porque propoñen aplicar a exención da taxas e esa posibilidade non a contempla a Lei de Facendas Locais, e en lugar diso, optamos por suspender o cobro da ordenanza durante este ano 2020 para botar unha man á hostalería". "Se retiran a moción e a presentan como un rogo, podemos conversar para incorporar o seu espírito" matizou o alcalde.
A representante do PP Rocío Bértoa insistiu na legalidade da exención e acusou ao goberno de falta de resposta á situación provocada pola Covid 19 e pediu maior impulso da administración local. Os populares propoñían facilitar os os trámites para poder instalar ou ampliar a colocación de mesas no exterior dos locais de hostalería. O concelleiro do PSdeG PSOE Antón Noceda abstívose na votación desta iniciativa, solicitando tanto do goberno como dos populares un maior esforzo na búsqueda de consensos.
Tamén se aprobaron a realización de diferentes obras con axuda da Deputación. Entre elas a área recreativa de San Valentín e a pavimentación da rúa dos Muíños e doutor Francisco Malvar. Detallou os presupostos a concelleira de Obras Mar Piñeiro.
No punto de rogos e preguntas, a concelleira de Promoción Económica Ana Basoa cifrou en 11.032 euros o gasto realizado para adquisición de haimas e mesas empregadas no outlet. "Pagárase 10.091 euros polo aluguer dos dous anos anteriores e agora poderemos sacarlle maior rendibilidade a ese material aforrando cartos públicos" concluíu.
Fene tamén aprobou solicitar unha subvención da Deputación da Coruña para gastos relacionados co Covid19. A axuda rondará os 41.000€. Fene empregounos maioritariamente no reforzo dos Servizos Sociais. O alcalde de Fene Juventino Trigo apela á Xunta de Galicia a facer o propio e agarda que a administración autonómica concrete a súa axuda para accións inmediatas. "O concello está cargando con gastos extraordinarios, derivados da pandemia, en aspectos que nin son da súa competencia" afirmou.

 

Institucional

Publica o teu comentario agora