O valor da nosa auga

O crecemento no consumo de auga pode ter consecuencias fatales para o noso ecosistema
09 de Agosto, 2019 - 09:34 h. | Publicada por Radio Fene

A auga é o noso recurso máis esencial pero tamén é o que menos coidamos. Máis de dous millóns de mortes poderíanse evitar cada ano se todo o mundo tivese un acceso axeitado a sistemas de auga e saneamento. Ferrolterra consume ao ano arredor de nove millóns de metros cúbicos de auga.

A situación das nosas augas estase agravando nos últimos anos. O consumo de auga crece cada vez máis a pesar de que a poboación decrece. Por que sucede isto? Porque necesitamos máis o auga para as actividades industriais e incluso para a agricultura e a gandería. O sector primario en Galicia industrializouse. Dedicamos unha gran cantidade de auga para cultivos de regadío en zonas áridas, onde a poboación non ten auga. Polo que hai que crear estacións desalinizadoras que requiren moita enerxía, xenerando CO2 e agravando o cambio climático.

Outro problema ven dos cultivos promovidos pola administración. Os bosques cada vez están máis poboados de eucaliptos, árbores que consumen moita auga e, que por riba tenden a arder con facilidade. A todo isto hai que sumar que Galicia conta con máis de 100 presas co seu consecuente impacto nos ecosistemas. Pero ademais non estamos ao día coa normativa da auga da Unión Europea. Moitas vilas e cidades carecen aínda de sistemas de depuración eficientes.

Certo é que as precipitacións anuais non baixaron nas últimas décadas, sen embargo a súa distribución si o fixo. Agora son máis imprevisibles, irregulares e torrenciais. Grazas a todo isto, Vigo estivo a punto de quedar sen auga no outono de hai dous anos. Unha situación que, co avance do cambio climático podería ocorrer de novo noutro lugar e con máis perigo, segundo advirte o biólogo ambiental Xabier Vázquez Pumariño nun artigo publicado no número de agosto da revista Tempos Novos.

E que pasa na comarca? Ferrolterra consume ao ano máis de nove millóns de metros cúbicos de auga. Cinco municipios abastécense do encoro das Forcadas a través da depuradora de Catabois. Nesas cifras non se inclúen os consumos municipais de Ferrol. Tampouco os da Armada e da Autoridade Portuaria.En Ferrol usáronse en 2018 .4.308.490 metros cúbicos, en Narón 2.878.221. Séguelle Mugardos con 804.580, Fene con 792.125 e Ares con 496.254. Ares e Mugardos consumen máis auga nos meses do verán, pero no resto dos municipios o consumo baixa.

Citando á catedrática de Ecoloxia da Universidade de Vigo Isabel Pardo no seu artigo para a revista Tempos Novos: “Os cidadáns temos que concienciarnos e comprometernos no ámbito persoal pero tamén temos que esixir responsabilidades, reclamar o cumprimento da lexislación ambiental europea e a aplicación de medidas correctoras aos impactos producidos”.

Sociedade

Publica o teu comentario agora