O valor pedagóxico do teatro

Carvalho Calero era un convencido do valor pedagóxico do teatro.
02 de Outubro, 2020 - 09:50 h. | Publicada por Radio Fene

O amor de Carvalho Calero polo teatro naceu pronto. Os seus pais levábano ao teatro Xofre a ver as compañías que chegaban desde Madrid, afirma o seu estudoso, Martinho Montero Santalha. A farsa das zocas foi a súa peza máis representada.

ESCOITA O PODCAST:

Ricardo Carvalho Calero escribía obras de teatro sendo un mozo, á altura do bacharelato. Poñía ás súas irmás a representalas na casa. A súa irmá Dolores lembraba aínda fragmentos en verso daquelas pezas. O teatro era unha “debilidade” para o profesor ferrolán que desde pequeño vía as compañías que viñan de Madrid ao teatro Xofre. Os seus pais fomentaron nel esa afección desde ben pequeño.

“O fillo” (1935) é a súa primeira incursión na dramaturxia e “Os xefes” ( 1988) a última. En palabras do seu biógrafo, Martinho Montero, a temática que aborda é moi variada. “O fillo" ía publicarse na revista Nós pero chegou a guerra e frustrouse. “En Os xefes aborda un tema de certa trascendencia social e moral”. Martinho Montero destaca “A farsa das zocas” como a peza máis humorística que foi quen de facer Carvahlo, e tamén a máis representada. Conta un suceso real ocurrido en San Sadurniño, adornado con lendas do lugar. “Representouse moito no ámbito escolar porque Carvalho estaba convencido da utilidade pedagóxica do teatro” . As outras obras eran máis difíciles de representar, afirma Martinho Montero. Algunha foi lida.

“Cando dirixiu o colexio Fingoi en Lugo, representaban obras de teatro noutras línguas, mesmo en francés ou en latín” conta o seu biógrafo.

 

 

(Carvalho cos seus alumnos en Fingoi. Foto publicada en El Progreso de Lugo)

Cultura

Publica o teu comentario agora