O vello escudo do pazo

O vello escudo do pazo
13 de Setembro, 2020 - 09:00 h. | Publicada por Radio Fene

O pazo de Barallobre en Fene rematouse por Fernando de Lago e Obaña en 1591. O seu fillo, o sarxento maior, Lanzarote de Lago, faleceu en 1626. A familia do Pazo tiñan o direito de presentación do cura da parroquia. Exercíano de xeito alternativo co bispado de Santiago. O escudo desta familia recuperouse e na actualidade está colocado no Instituto de Ensino Secundario de Fene.

Escudo do pazo de Barallobre na antiga e na nova colocación

O centro de Formación Profisional de Barallobre comezou a funcionar en novembro de 1980. En principio coa especialidade de administrativo que logo se ampliou a outras materias. O Instituto de Bacharelato de Fene inaugurouse o 21 de maio de 1985 tamén nos terreos que ocupaba o pazo. O edificio xa se atopaba en ruinas desde os anos setenta e no momento de erguer o instituto, membros da Corporación quixeron recuperar o escudo que se framentara en diferentes anacos. O aparellador municipal foise asesorar cun historiador e arqueólogo da Coruña e entre os dous definiron unha colocación das pezas. Con tan mala sorte que, andando o tempo apareceu unha fotografía, que acompaña esta nova, na que aparece o escudo coa súa distribución orixinal nas paredes do vello pazo.

Cultura

Publica o teu comentario agora