O Xacobeo presenta unha aplicación en realidade aumentada para teléfonos móbiles

O Xacobeo presenta unha aplicación en realidade aumentada para teléfonos móbiles

13 de Xullo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

O Xacobeo lanza unha aplicación en realidade aumentada para móbiles que ofrecerá, sobre unha imaxe captada en tempo real coa cámara dun teléfono, información sobre os albergues, a programación cultural e puntos de interese das rutas. Con esta iniciativa, preténdese dar un novo pulo á utilización das novas tecnoloxías

A realidade aumentada amosa información adicional a unha imaxe captada en tempo real. Para poder empregar esta vantaxe é necesario contar cun teléfono móbil Iphone ou cun sistema operativo Android e ter instalado, ademais, o software Layar, unha aplicación gratuíta que combina a utilización do GPS, a brúxula dixital, a cámara e a conexión permanente a internet, e que posibilita identificar a posición do usuario para ofrecerlle información adicional sobre a imaxe que está a captar neses intres coa súa cámara. Neste sentido, Layar dispón os datos a amosar en "capas" de información.

Neste punto é onde a empresa galega Signo desenvolveu para o Xacobeo 2010 unha capa de información que ofrecerá aos camiñantes ou visitantes contidos adicionais e en tempo real sobre albergues, programación ou puntos de interese. Os usuarios poden descargarse esta capa de balde, que xa está operativa e sincronizada coa web xacobeo.es. O único requisito para empregala é rexistrarse previamente nesa páxina ou facelo nese mesmo intre a través do seu móbil, xa que o usuario e o contrasinal serán os mesmos para ambas aplicacións.

Cultura