O xogo interior do Universitario a pola muralla de Lugo

O xogo interior do Universitario a pola muralla de Lugo

16 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por
O Universitario de Ferrol visita mañá sábado (19,00 horas, Pazo Universitario) ao Durán Maquinaria Ensino de Lugo, conxunto que, do mesmo xeito que o ferrolán, chega invicto a esta terceira xornada da Liga F 2 de baloncesto feminino. Despois dunha pre temporada dubitativa as xogadoras adestradas por Chiqui Barros afrontan o partido con optimismo.
O conxunto lucense gañou na xornada inaugural ao A.D.B.A. de Avilés (69-60) e o pasado fin de semana a domicilio aos Aros de León (71-81). Varias son a xogadoras clave no conxunto lucense que entrena Manel Sánchez: no perímetro Raquel Asensio que está moi preto dos seus números da psasada campaña en Ferrol e Regina Gómez, unha escolta de sobras coñecida polas ferrolás que está a facer mellores números que Asensio en menos minutos de pista. Polo perímetro a norteamericana Eleia Roddy (12 puntos e 9,5 rebotes) xunto a Miriam Herrera son a súa principal referencia, sen esquecer a Elena Sánchez, moitos anos no Universitario de Ferrol.

Vai ser un partido complicado no que o devir do encontro vai depender moito máis do que fagan as ferrolás: defender ben a Raquel, evitar os roubos e contraataques de Regina e controlar o xogo "estático" das xogadoras interiores lucenses. As ferrolás prepararon a conciencia o encontro e saben que o seu xogo interior pode facer moito dano esta tarde no Pazo dos Deportes lucenses. O excelente traballo das últimas semanas de Carla Nascimento, que aos poucos foi integrándose nos esquemas do equipo, e do perímetro ferrolán farán o resto. A baixa segura de Laura Audere non debe ser óbice para que sigan baseando a súa fortaleza no traballo en equipo.

Os colexiados Esteban Pombo (Asturias) e David Insa (Galicia) serán os encargados de dirixir o encontro, mañá sábado, a partir das 19,00 horas no Pazo Universitario de Lugo.

Deportes