O Xornal de Galicia preséntase hoxe en Vilalba

O Xornal de Galicia preséntase hoxe en Vilalba

24 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Terra Chá.Xa, Radiofusión, A voz de Vilalba e o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) organizan hoxe a presentación da nova cabeceira Xornal de Galicia en Vilalba. O director do diario, José Luis Gómez, e o xornalista Moncho Paz, serán os representantes deste novo medio de comunicación na vila chairega. Vilalba será a primeira localidade onte teña lugar un evento destas características

José Luis Gómez, director de Xornal de Galicia, explicará no acto todo o proceso que se levou a cabo para sacar á venda o diario impreso, a integración de Xornal.com como diario dixital de Xornal de Galicia, a liña editorial e a estrutura da redacción, que se caracteriza por ser a primeira redacción integrada de Galicia.

Xornal de Galicia é un diario de información xeral cuxo ámbito de difusión abarca toda Galicia, con especial atención ás súas grandes áreas metropolitanas. O diario conta con tres redaccións nas principais cidades de Galicia: Vigo, Santiago e A Coruña. A redacción do diario está integrada por recoñecidos profesionais do xornalismo galego.

Conferencia do IESCHA

O vindeiro 8 de maio o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) organiza unha conferencia sobre a lingua galega a cargo da profesora do Departamento de galego-portugués da Universidade de A Coruña Pilar García Negro sobre a Lingua Galega. O acto, que será presentado pola vogal do IESCHA Araceli Paz Veres, terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba, ás 20,30 horas.

Sociedade