A obra inédita de Manuel María ‘Galicia’ sae á luz

A obra inédita de Manuel María ‘Galicia’ sae á luz

26 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O vindeiro martes, día 30, presentarase na cidade de Ferrol unha obra inédita de Manuel María titulada “Galiza”, así como o proxecto da Casa Museo do escritor que está promovendo a Fundación que leva o seu nome. O acto, organizado pola Sociedade Cultural Medulio, está previsto para as 20:00 horas na Fundación Caixa Galicia e contará coas intervencións de Xosé R. Freixeiro, catedrático de Lingua Galega na Universi

O libro “Galiza” reproduce un texto mecanografiado polo autor que permanecía gardado no seu arquivo particular e que figura sen datación, aínda que da súa lectura se desprende que foi escrito  arredor de 1986 ou 1987. A pesar do tempo transcorrido, a obra conserva todo o seu valor e actualidade, xa que o autor se centrou fundamentalmente naqueles aspectos do país que resultan máis permanentes e, por tanto, menos suxeitos ás inevitábeis mudanzas temporais. Ao mesmo tempo, tal como o autor deixou expresado no manuscrito, incorpóranse ilustracións e gráficos que complementan a información ofrecida por el, mais con datos actuais, de modo que o libro se presenta ao público de hoxe perfectamente posto ao día no relativo á información que contén.

Trátase dunha síntese da historia e da xeografía da Galiza realizada por un dos escritores galegos máis destacados da segunda metade do século XX e por unha das persoas que mellor coñecía o país, tanto fisicamente, como espiritualmente, xa que tivo unha dedicación constante ao estudo e á reflexión sobre a historia, a literatura, as tradicións e a alma dunha Galiza que amaba profundamente.

Aínda que a obra é unha descripción do propio País, o seu autor acude á ficción do diálogo entre rapaces e rapazas, que neste caso tracexan desde a distancia da Galiza emigrante unha imaxe entre real e bucólica do país soñado. Por tanto o libro ten tamén unha decidida vocación didáctica, e vai dirixido tanto a un público xeral interesado en coñecer de forma concisa e amena algúns dos aspectos máis destacados do pasado e do presente do seu país, como tamén, e de modo especial, a un público xuvenil, pois novas son tamén as personaxes que o protagonizan e nova e refrescante lles vai resultar en moitos casos a visión que aquí acharen do seu propio país, dispoñendo tamén o profesorado dunha ferramenta atractiva e útil. 

Por outra parte, no transcurso do acto tamén se presentará o proxecto de Casa Museo Manuel María que a Fundación que leva o seu nome está a promover. Darase a coñecer o proxecto de remodelación da casa natal do escritor que a Fundación acaba de adquirir para convertela nun espazo de actividade cultural arredor do poeta e da cultura galega en xeral.

Cultura