Obra poética e contundente

Obra poética e contundente
29 de Xuño, 2020 - 11:15 h. | Publicada por Radio Fene

A artista polaca, Gosia Trebacz, participa na exposición "Eau de femme" que ven de abrirse no Torrente Ballester de Ferrol. A súa aportación abstracta ten poesía e contundencia, segundo palabras da artista que nunca se queda a medias no que fai.

ESCOITA O PODCAST:

A artista polaca afincada na Coruña, Gosia Trebacz, volve estar presente na comarca de Ferrol participando na mostra "Eau de femme" recen aberta no Centro Cultural Torrente Ballester. Vimos a súa obra nas Meninas de Canido, en Mar e Ferro en San Valentín ou no Adriano Sesión continua, da asociación Patio de Butacas.  Muralista, pintora, toca todos os paus, tamén traballa co audiovisual, como é o caso. Presenta en Ferrol un collage de imaxes e sons, capturados hai cinco anos, sons do vento e do mar. “A obra evoca a feminidade e o recendo a mar. É unha obra poética, abstracta, pero moi contundente” segundo palabras da artista. Colaboran na obra a fotógrafa Lupe Vázquez e a coreógrafa e bailarina Kirenia Martínez Acosta. A proxección da obra de Trebacz ten o seu espazo propio dentro da mostra que ocupa as dúas salas máis amplas do centro cultural.

Trebacz aínda non viaxou a Ferrol para vela no marco do Torreste Ballester, rodeada de obras de colegas moi importantes e baixo un lema “Eau de femme” que “da para isto e moito máis”. A artista polaca non para nunca de crear, a non ser polo coronavirus que a tivo moi enferma e sen poder traballar durante o tempo do confinamento.  Sabe que os seus colegas traballaron como sempre. “O noso traballo no estudio sempre é en soidade e encerrados” afirma a artista polaca que volve estar ilusionada cun novo proxecto que é un descubrimento e unha sorpresa. "Unha obra complexa que inclúe fotografía, música, poesía…”  é o que pode adiantarnos. Tamén traballa nun proxecto relacionado co obxecto máis popular do momento, a máscara.  “Trátase de aportar un grao artístico a esta pandemia”. Para Gosia Trebacz a palabra “compromiso” xa vai incluída en cada unha das súas obras. “Non me gusta ir a medias, teño que dalo todo”. A exposición “Eau de femme”, comisariada por Dulce Anca, pode verse xa no CC Torrente Ballester de Ferrol durante todo o verán.

 

(Imaxe da artista Gosia Trebacz)

Cultura

Publica o teu comentario agora