Obradoiro de cestería con papel

Obradoiro de cestería con papel

25 de Outubro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM), deu onte comezo á segunda edición do obradoiro de cestería para mulleres. Dezaoito veciñas de As Pontes participarán, durante oito semanas, nestas clases que se están a desenvolver nas dependencias da Casa de Don Pedro, cada luns entre as 10.00 e as 12.00 horas.

A artista Lourdes Acera Olaso é a responsable de impartir estas clases nas que a pintora pontesa lles está a aprender os distintos métodos para confeccionar cestos, dunha maneira doada, rápida e sinxela, e sobre todo moito máis económica que a cestería tradiconal, e é que unicamente se empregan como materiais follas de xornais, pegamento en barra e pinturas á auga.
Ao longo do curso as asistentes iniciaranse na elaboración de cestos pequenos, algúns deles con asa, e coñecerán os distintos tipos de remate finais, pero sempre seguindo o mesmo sistema de traballo que se dun cesto de bimbios se tratase.
O plan de traballo inclúe tamén a preparación de diferentes elementos decorativos, dende xarróns, caixas ornamentais, costureiros, e ata unha árbore de Nadal cos máis variados adobíos.

O obradorio de cestería, enmarcado no programa municipal de actividades conmemorativas do día internacional da non violencia contra a muller, extenderase ata mediados do mes de decembro, en total dezaseis horas lectivas repartidas en oito sesións de traballo.
Esta é a segunda ocasión que, neste ano, se pon en marcha un curso destas características xa que, o pasado mes de marzo, en conmemoración do Día da Muller Traballadora tamén se optou por desenvolver un obradoiro semellante no que tomaron parte máis dunha ducia de alumnas.

Sociedade