As obras de arte dos máis pequenos de Fene inundan a Casa da Cultura

As obras de arte dos máis pequenos de Fene inundan a Casa da Cultura

15 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Biblioteca Municipal Pérez Parallé de Fene celebra o Mes  das Letras con exposicións, contacontos, regueifas e teatro de monicreques.

A Casa da Cultura de Fene acolle dende esta fin de semana a exposición “Traballos en familia dos nenos e nenas da Escola Infantil de Fene”, unha pequena compilación de cadros realizados polos alumnos de 2 e 3 anos da Galiña Azul. Segundo adiantan dende o propio centro, trátase de pequenas obras de arte nas que os pequenos, axudados polas súas familias, xogan e experimentan con diversos materiais como area, pasta, lentellas e pintura. A mostra poderá visitarse ate o vindeiro mércores na sala de exposicións da Casa da Cultura e logo pasará á biblioteca, a partir do 20 de maio.
 
Ese mesmo día estarán en Fene os “Animais da Biblioteca”, protagonistas dunha sesión de contacontos con Fátima Fernandez. O 21 de maio collerán o relevo as regueifas, no salón de actos da Casa da Cultura onde se celebrará unha sesión  de improvisación oral en verso. Para rematar o Mes das Letras, o grupo Tarabelos presentará, para os afeccionados ao teatro de monicreques, o seu espectáculo “Mistos, o dragón”.

Sociedade