Obras de Xaquín Marín contribuirán a coñecer a situación ambiental galega no Terractiva

Obras de Xaquín Marín contribuirán a coñecer a situación ambiental galega no Terractiva

15 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

“A ecoloxía galega contra a globalización mundial”. Este é o lema da sexta edición do Terractiva que se celebra este fin de semana, sábado e domingo, en Arzúa. Un ano máis o evento contará cunha feira ecolóxica, con obradoiros, música, teatro, charlas e exposicións como é o caso

A sección altofalante é o espazo de denuncia do Terractiva. Pretende converterse nun punto de encontro e reflexión sobre a situación actual do noso entorno e sobre os problemas medio ambientais máis preocupantes que están a danar o noso planeta. Por iso, inclúe un roteiro polo Alto Ulla organizado pola delegación lucense de Adega. Tamén charlas sobre bioconstrución e aforro enerxético, a interacción entre cetáceos e a pesca en Galicia, a situación actual de Massó da que falará o Foro Social de Cangas e Galiza non se vende. Igualmente, presentarase o poemario A milpa e o paliacate. Nos camiños do outro México de Manolo Pipas, sobre as comunidades indíxenas e a súa resistencia. Proxectarase o documental Mashi Trasi que Trasi da última viaxe a Palestina de Pallasos en Rebeldía, Palestina 2009; e haberá oco tamén para unha videoinstalación, grazas á cal o público poderá acceder á proxección continua durante todo o festival de numerosos documentais de temática medio ambiental.

En canto ás exposicións, destaca “25 anos de medio ambiente con Xaquín Marín”, que aborda os principais temas ambientais galegos, empregando como material gráfico obras de Xaquín Marín acompañadas de textos, fotos, gráficos e esquemas, co fin de amosar a problemática do entorno natural de Galicia desde a ollada xenial de Xaquín Marín. Non será a única, atopamos outras mostras baixo o título “Cetáceos nas costas de Galicia”, “Antigos soños de mulleres kichwas – kallary muscuy warmi wuankurishka”, onde se nos amosan diferentes aspectos da vida diaria das mulleres e nenas kichwa asentadas na Amazonia ecuatoriana a partir das fotos de Luís Vera. A “Pegada ecolóxica galega” tamén conforma outra das exposicións.

En canto aos obradoiros, os interesados poderán introducirse no mundo da cosmética natural a base de extractos de plantas medicinais, a radistesia, a iniciación ao Contact Juggling, a construcción de fornos solares, un obradoiro de reciclaxe (carteira de tetrabrik), a creación de monicreques ou unha charla-obradoiro baixo o título “O azucre e alternativas”.

Tamén hai oco no Terractiva para o teatro. Os máis novos poderán gozar con A Parábola da Rá de Malapécora Grupo Teatral e El Caballo Hablador do Teatro Tradicional de Títeres de Chile. Tamén terá lugar xa para o público adulto a recreación da malla a cargo do grupo teatral Volta e Dálle e a Asociación Anxo Casal de Arzúa. A compañía porá en escena PAN. Catro propostas arredor da malla.

Cultura