A obsolescencia programada

A lóxica das multinacionais para gañar mais
26 de Novembro, 2020 - 10:21 h. | Publicada por Radio Fene

Usar e tirar. Esa é o lema do capitalismo feroz que dirixe o noso consumo. A obsolescencia programada é a táctica perfecta.

ESCOITA O PODCAST:

No ano 2019 esgotamos todos os recursos planetarios que tiñamos para todo o ano. A este ritmo non lle damos tempo ao planeta a recuperarse e o cambio climático lévanos irremediablemente á destrucción. É a conclusión á que chega Margarita Rodríguez, de 4 ECO Narón cando abordamos con ela o significado do término “obsolescencia programada”. Abreviar a vida útil dun produto ou, o que é o mesmo, deseñar produtos con data de caducidade para que deixen de funcionar, cando poderían facelo perfectamente durante moitísimo tempo. Un exemplo ben coñecido é o das impresoras que veñen cun chip que nun determinado momento fai que se avaríen e non sexa rendible amañalas.

Hai outras modalidade que levan ao mesmo fin, que non é outro que mercar un aparato novo. Cando mercamos o último modelo por exemplo dun teléfono móbil. Dinnos que non hai outro mellor, pero aos dous meses aparece no mercado outro moitísimo mellor. E logo está a “obsolescencia apercibida” moi presente nn mundo da moda. Temos un producto aínda funcional, por exemplo un pantalón pitillo, e nos poñen diante outro acampanado que xa queremos mercar para ir á moda. Afirma Rodríguez que antes a industria da moda presentaba dúas campañas ao ano relacionadas con dúas temporadas, primavera- verán e outono- inverno. Agora os cambios son semanais. “O que mercamos hoxe non sirve a semana que ven”.

A obsolescencia xa está en numerosos produtos, electrodomésticos, a moda e todas as novas tecnoloxías. Ao final a única lóxica a marca o capitalismo feroz, as multinacionais queren gañar mais, e todo a costa do planeta. E a costa da nosa saúde mental porque o consumismo crea ansiedade por conseguir o novo, o mellor. “Hai xente que o pasa mal porque non ten capacidade económica para soportalo”. Conclúe Margarita Rodríguez que ten que chegar un momento no que digamos basta e tomemos as rendas do noso consumo. Di que é posible rectificar e non deixar que nos manexen desta maneira. Falta un labor de información e concienciación que varíe os nosos hábitos de consumo.

 

(En Cuba funcionan os coches dos anos 50. Foto da viaxe a Cuba da Tenencia de Redes en outubro de 2019) 

Sociedade

Publica o teu comentario agora