Ocupar os areais con sentidiño

Ocupar os areais con sentidiño
25 de Maio, 2020 - 12:15 h. | Publicada por Radio Fene

A Casa da Cultura de Fene estase preparando para a súa apertura a primeiros de xuño. Pavillóns e piscina non abrirán de momento. A concelleira Sandra Permui reclamou o compromiso da cidadanía a hora de respetar o distanciamento social nas praias.

ESCOITA O PODCAST:

Praias
Desde esta mañá, os ferroláns e os feneses que utilizan a Ponte das Pías para facer deporte deben utilizar cada quen o seu sentido para evitar a coincidencia e o achegamento nas estreitas beirarrúas. Os de Fene deben camiñar pola marxe dereita en dirección a Ferrol e os de Ferrol pola súa dereita tamén. É un acordo ao que chegaron os alcaldes das dúas marxes da ría, sabedores da alta afluencia de xente nesta ponte que no seu día foi catalogada como unha das “rutas do colesterol”. A apertura das praias é quizás a maior novidade que se abre á cidadanía neste 25 de maio con motivo da entrada de Galicia nunha nova fase do desescalamento. Por iso o concello de Fene iniciou esta mañá unha campaña de limpeza e desinfección dos areais e do seu mobiliario. Como se trata de praias pequenas, o concello fenés descartou de pleno, aplicar calquera tipo de acceso con cita previa. Tampouco son tamaños que se presten a parcelar o espazo, así que se recomenda ter sentidiño á hora de ocupar os areais, mantendo a distancia de seguridade de dous metros entre dada grupo de persoas. Outra novidade é que a xente pode reunirse desde hoxe en grupos familiares ou de amigos de ata 15 membros. Tamén empeza hoxe, coa segunda fase, unha ampliación de negocio para os locais de hostalería. Poderán explotar tanto as terrazas como o interior nun 50%.

Instalacións municipais

A casa do Concello de Fene continuará o sistema de cita previa durante un tempo para a atención dos cidadáns. O vindeiro mércores reúnese a mesa negociadora cos sindicatos os grupos políticos, para acordar como se producirá a des escalada para os traballadores e traballadoras municipais, para os que de momento continúa maioritariamente o tele-traballo. En relación coas instalación municipais, seguirán pechados os pavillóns e a piscina ata novo aviso. Outros espazos como a Casa da Cultura estanse preparando para a súa apertura, probablemente o 8 de xuño, coa instalación de mamparas.

No eido laboral, o servizo dos tres auxiliares de policía local contratados para a campaña do verán se aumentará por dous meses máis. O concello está redactando as bases de sete prazas temporais, para cinco peóns, un albanel e un auxiliar de biblioteca. Son prazas a cargo do PEL da Deputación, cunha duración de catro meses e unha xornada do 72%. Cando remate a redacción das bases, chegará o proceso selectivo. Sandra Permui ve lóxico ata certo punto o relaxamento que se ve nas rúas nos últimos días, xa que a xente tiña moitas ganas de facer vida normal. “Non hai queixa” afirmou esta mañá a responsable de seguridade que tivo, para os nenos e nenas, unhas palabras de agradecemento por ser “os que teñen un comportamento admirable”.

(Na imaxe, praia de Almieiras. Limodre. Verán 2019)

Institucional

Publica o teu comentario agora