As ONGs únense para sensibilizar á sociedade a marcar o cadro de Fins Sociais na declaración da renda

As ONGs únense para sensibilizar á sociedade a marcar o cadro de Fins Sociais na declaración da renda

04 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Un 63,22 por cento dos contribuíntes galegos, de media, marcan o cadro de Fins Sociais na declaración da renda e deciden destinar o 0,7 por cento do IRPF a ese fin. As ONG da Comunidade Autónoma iniciaron hoxe unha campaña de apoio para sensibilizar á poboación sobre a necesidade de fondos para acción social que se incrementou polos efectos da crise económica.

Cogami, a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg), Fademga-Feaps Galicia e a Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento alertaron de que se incrementou un 40 por cento a demanda de axuda ás ONG a causa da crise económica. O responsable de Faxpg, Iker Sertucha, explicou como no caso do exercicio 2007, que se corresponde coas declaracións entregadas ese ano, o 33,83 por cento marcaron a casa de Fins Sociais, o 22 por cento a de Igrexa Católica, o 11,36 por cento marcaron ambos os dous recadros e o 32,81 por cento non marcaron ningún. A nivel estatal, o total recadado para Fins Sociais ascendeu en 2008 a máis de 244 millóns de euros, o que supuxo "un incremento de 77 millóns de euros respecto ao ano anterior". Un dos responsables de Cogami, David Silva, realizou un "chamamento á sensibilidade social" e aclarou que marcando no cadro de Fins Sociais --ou Igrexa Católica-- "non se achega nada propio" senón que se decide "o destino dunha parte dos seus impostos" xa pagados. Finalmente, as ONGs comentaron que algúns dos motivos polos que se decide non marcar os cadros na declaración da renda se explican en que o contribuínte descoñece "cal é a ONG mellor preparada ou cales son efectivas" polos "escándalos" que rodearon algunha entidade, aínda que recordaron que "cada vez son máis os requisitos" por parte da Administración que obrigan ás entidades sen animo de lucro a "render contas".

Sociedade