Operación plástico

Operación plástico
28 de Xaneiro, 2021 - 11:37 h. | Publicada por Radio Fene

Margarita Rodríguez: "Reducir boa parte do plástico está nas nosas mans"

ESCOITA O PODCAST:

Unha porcentaxe elevadísima dos produtos que mercamos ven envolta nun plástico. O máis extraordinario é que moitísimas das veces ese plástico é absolutamente innecesario. Margarita Rodríguez, de 4ECO Narón, deixounos algúns consellos para reducir o consumo de plásticos cando está nas nosas mans, sempre baixo o lema das tres “R” e algunha mais: reducir, reutilizar, reciclar, reparar...

Atendendo á casuística máis común, empezamos pola froita nas grandes áreas comerciais onde é normal vela envolta en dous ou tres plásticos a falta de un. Temos algunhas opcións; mercar en pequenas froiterías onde se presenta a granel; levar as nosas propias bolsas de algodón que mesmo podemos facer na casa con teas vellas, ou utilizar algúns envases compostables naqueles establecementos que os proporcionan. O peixe ou a carne e o embutido soen poñelos en barquiñas de plástico, envolvelas despois con papel film e finalmente metelo todo nunha bolsa de plástico. Levar de casa unha fiambreira é a mellor opción para reducir plástico.

Outro elemento de plástico moi contaminante e moi abundante son as botellas de auga mineral. “É unha barbaridade a cantidade de botellas de plástico que circulan por todas partes” afirma Margarita Rodríguez quen é radical neste asunto, “bebamos auga da traída” que pasou por todos os controis, mentres que está demostrado que a auga embotellada en plástico ten partículas de microplástico que desprende o envase. Nas nosas mans está minguar a presencia de plástico no planeta.

Sociedade

Publica o teu comentario agora